Skip to main content
Outeiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

O BNG de Outeiro de Rei reclama no xulgado a información sobre a sentenza de Asogal

Por 26 Maio, 2023Sin comentarios

Consideran que o alcalde oculta á veciñanza os efectos desta sentenza ata despois das eleccións municipais, pois pretende que sexan estes quen unha vez máis paguen os efectos desta nefasta xestión.

“Unha vez máis, o alcalde esconde a información ao BNG cando non quere que a veciñanza saiba o que está a acontecer no Concello”, afirman dende o Grupo Municipal do BNG, que solicitou no pasado mes de marzo unha copia do escrito que Asogal presentara para executar unhas sentenzas que de xeito reiterado lle gañou ao concello de Outeiro.

“A nosa sorpresa foi que pasado xa dous meses das reiteradas solicitudes, e sabendo que legalmente teñen 5 días para darnos esa información, aínda non se nos subministrou ese escrito neste momento”, explican.

Afirman que isto obrigou ao Grupo Municipal do BNG a acudir ao xulgado para obter esa información e, ademais, solicitar amparo pola vulneración dos nosos dereitos fundamentais, demanda que foi admitida a trámite e que nestes momentos se está a investigar.

“Dende o BNG non pararemos ata que se recoñeza o dereito que temos a ter esta, ou calquera outra información, que interese á veciñanza, chegando a onde faga falta para conseguilo. Xa vai sendo hora que erradique esta forma de actuar do concello de Outeiro”, continuou explicando o concelleiro do BNG.

Explican que durante o ano 2014, “após de que moitos veciños tivesen xa que pagar un sobrecusto nas súas vivendas (de máis de 40.000 euros nalgún caso) e devolver axudas públicas, o alcalde informaba, con sentenzas sen ditar, que só faltaba conectar a luz do alumeado”.

Anos despois da última derrota no Supremo, no ano 2017, Asogal pide a execución desas sentenzas. “O Concello non só non lles comunicou esa circunstancia ás persoas interesadas, senón que tamén llo oculta ao BNG para que non poida informar ao respecto”, din.

Engaden que a execución da sentenza podería provocar que os veciños de Triacqua tivesen que pagar novamente as consecuencias do mal facer municipal, en cantidades que poderían superar o millón de euros.

“O alcalde leve demorando artificialmente este asunto até após as eleccións, non só vulnerando os dereitos dos nosos concelleiros, senón tamén enganando ás veciñas e veciños de Outeiro de Rei”, subliñan.

“No BNG estamos seguros que o alcalde está a esperar que pasen as eleccións para despois soltar a “bomba”. Xa veremos con que sorpresas non veñen, pero seguro que non van ser boas nin para a veciñanza da urbanización de Triacqua nin para a do concello de Outeiro en xeral, rematou dicindo Xosé Ferreiro.