Skip to main content
As Pontes

Concello e Deputación firman o convenio para a residencia de maiores das Pontes

Por 27 Maio, 2023Maio 28th, 2023Sin comentarios

O tenente alcalde do Concello das Pontes, Antonio Alonso, e a deputada de Benestar Social, Ana Lamas, asinaron esta mañá no municipio pontés o convenio para a redacción do proxecto da residencia de maiores, no que Concello aportará os terreos na rúa Pardo Bazán 120.

A Deputación da Coruña, pola súa banda, realizará unha achega económica de 38.500 euros para financiar tanto o proxecto técnico como o estudo xeotécnico.

Tras a firma, Alonso agradeceu “a permanente disposición por parte da Deputación para levar a cabo este tipo de proxectos tan importantes para a nosa vila”, así como destacou que “desde o Concello seguiremos apostando por mellorar os servizos sociais nas Pontes e por mellorar a calidade de vida e as prestacións para os nosos maiores”.

O texto especifica que “a raíz do estudo realizado pola Deputación para a diagnose e plan de acción en materia de servizos sociais na provincia, detectouse unha eiva significativa de dotacións destinadas a maiores, especialmente de tipo residencial. As residencias existentes no territorio non responden á demanda real, ademais de ser en moito casos de titularidade privada”.

Sinálase ademais que “froito do sistema existente, moitos maiores vense lonxe do seu entorno, ao non existir recursos próximos, fomentando o desarraigo e unha imposibilidade de seguir vinculados ao núcleo familiar, ocasionando episodios de soidade non desexada” e que “a pandemia puxo de manifesto a necesidade doutro modelo residencial, de menor escala”, en consonancia “cos modelos observados noutros países europeos”.