Skip to main content
Riotorto

A cuarta maioría absoluta en Riotorto?

Por 23 Maio, 2023Maio 24th, 2023Sin comentarios

O Partido Popular de Clemente Iglesias quere revalidar o bastón de mando do concello do ferro para o que terá que enfrontarse a un veterano socialista, Vítor González, e unha moza nacionalista, Vanesa Gómez

Clemente Iglesias volve concorrer ás eleccións polo Partido Popular para intentar conseguir de novo unha maioría absoluta. Nesta ocasión tanto o BNG como o PSOE renovan candidatos que xa estaban incluídos nas listas dos anteriores comicios. Así, ao fronte do grupo socialista atópase Víctor González, que conta con bagaxe e coñecemento da administración. Por outra banda, os nacionalistas presentan a Vanesa Gómez, que subsitute a Luís Fernández como cabeza de lista. Gómez está convencida da súa capacidade para gobernar e de ser a mellor alternativa aos populares.

PP. Clemente Iglesias González volverá a liderar a candidatura do Partido Popular de Riotorto co obxectivo de revalidar a maioría absoluta acadada anteriormente. Esta é a cuarta ocasión na que o actual rexedor popular encabeza a lista no seu municipio natal despois de que no 2011 xa gañara as eleccións, pero se vira relegado á oposición a falta de 3 votos para a maioría absoluta.

O candidato do PP á Alcaldía asegura que volve encabezar a lista de cara ás eleccións municipais do 28 de maio coas mesmas ganas de “satisfacer as demandas dos meus veciños e veciñas tratándoos a todos por igual”.

Para os populares é prioritario “mellorar os servizos e a atención aos veciños”. Nese sentido, Iglesias explicou que o goberno local desenvolveu distintos proxectos e ten outros previstos para mellorar os accesos a varios núcleos e tamén a rede de abastecemento e o saneamento.

No seu breve repaso ás iniciativas do goberno do PP en Riotorto, Iglesias destacou a creación de novos servizos sociais -ademais do continuo reforzo do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) co obxectivo de atender a tódolos maiores que precisen atención nos seus domicilios- coa posta en marcha de dúas casas do maior e unha casa niño. Así mesmo, tamén están a traballar pola creación dunha residencia para a terceira idade.

O popular tamén aposta por “ofrecer actividades para a dinamización social e cultural e, ao mesmo tempo, favorecer o asociacionismo” a través da convocatoria de axudas ás asociacións.

PSOE. Víctor González Leivas é o candidato socialista para acadar a Alcaldía de Riotorto. O secretario xeral do PSdeG na provincia, José Tomé Roca, destacou a “experiencia, compromiso e traxectoria en defensa dos veciños” do candidato, que foi concelleiro socialista durante 16 anos, e agradeceu o “traballo incansable e a implicación que demostrou José García Freije durante todos estes anos”, tanto no Goberno como na oposición.

Xunto á súa bagaxe como edil da Corporación na primeira época democrática, José Tomé subliñou que Víctor González “é un bo coñecedor das necesidades de Riotorto”, xa que foi un empresario recoñecido no sector forestal. Polo tanto, “conta co coñecemento, rigor e solvencia necesarios para gobernar o seu pobo, escoitar ós seus veciños e atender as súas necesidades”.

O candidato socialista remarcou precisamente que, si se presenta á Alcaldía, “é para poñer o Concello de Riotorto ao servicio da veciñanza, e non para ser unha cadea de favores para manterse no poder político”. “Non nos poden vender como un favor algo que é un dereito, como fai o PP de Riotorto”, incidiu.

González Leivas comprometeuse a traballar “para dinamizar o concello, impulsar o polígono industrial, reactivar o pequeno comercio, fomentar o turismo, axudar aos autónomos e aos pequenos produtores agrícolas e mellorar o sector forestal”. “En definitiva, quero un concello no que os cidadáns sexan os protagonistas da vida política de Riotorto, sen favoritismos. Traballando todos xuntos”, resumiu.

Víctor González Leivas, nado no Caboxo, San Pedro de Riotorto en 1947, participou activamente na vida política da localidade nos inicios da democracia, sendo concelleiro polo Partido Socialista durante catro mandatos. É militante histórico da provincia de Lugo, e traballou como empresario do sector forestal na empresa familiar Hermanos González, onde chegou a ter 60 empregados.

BNG. Vanesa Gómez Lourido encabezará a lista do Bloque Nacionalista Galego. Xornalista, de Vilarquide, na parroquia de Galegos, será candidata á Alcaldía pola forza nacionalista, que se presenta como a principal alternativa ao goberno do Partido Popular.

Activa no BNG local desde 2007, a candidata nacionalista, elixida pola asemblea local, agradeceu a confianza das compañeiras e compañeiros do BNG para continuar co traballo desenvolvido nestes anos e impulsar un cambio político en Riotorto.

“O BNG xa ten demostrado neste concello a capacidade para gobernar e transformar, ampliando os servizos para a veciñanza, levando a actividades ás parroquias, creando oportunidades de desenvolvemento económico e turístico arredor do ferro e dinamizando o comercio e a hostalería cos mercados estacionais”.

“Cremos nos recursos que ten o concello e na xente que vive aquí, por iso nestas últimas semanas estamos convidando a persoas das distintas parroquias a involucrarse neste proxecto e recuperar o tempo perdido para Riotorto cos gobernos do Partido Popular”.

“Clemente Iglesias e os concelleiros do PP manexaron neste mandato os maiores orzamentos das dúas últimas décadas, con ingresos extraordinarios pola contribución que pagamos en todas as casas e fondos do Plan Único da Deputación, e, sen embargo, non foron capaces de poñer en marcha ningún proxecto para o futuro”.

“Rematarán o mandato cun médico menos no centro de saúde, escondéndose para non ter que debater a cuestión nun pleno, e instalando en Riotorto unha planta de residuos que non quererían en ningún outro concello do país e que a veciñanza de Aldurfe tivo que sacar das portas das súas casas”.

CANDIDATOS ELECCIÓNS 2023

BNG

1. Vanesa Gómez Lourido
2. María Campo Fernández
3. Luís Fernández Fernández
4. Eloy Treitas Fojaca
5. Agustín Iglesias Rodríguez
6. Antía Villada Pillado
7. Sandra Gómez López
8. Jorge Cabodevila Logilde
9. Federico Gutiérrez Estoa
Suplentes:
1. María Luz Iglesias López
2. Xoán Carlos Fernández Pereira
3. Horacio Fiallega Lorigado

PP

1. Clemente Iglesias González
2. José Luís Lourido López
3. Manuel Rivas Bouza
4. Manuel Pacio Iglesias
5. José Luís Lorido Carballeira
6. Olga Maseda García
7. Iago Fiallega Salgado
8. Andrés Seoane Pacio
9. Alberto Ramallal Freire
Suplentes:
1. Antonio García González
2. José Cosme Gómez González
3. Ricardo Veiga Logilde
4. Manuel Pol Veiga
5. María Josefa Portela Cancio

PSOE

1. Víctor González Leivas
2. Enrique Méndez González
3. Venancio Fernández Hernández
4. José Manuel Fernández Gómez
5. Josefa Fernández Rivas
6. Gabriel Fernández Dasrribas
7. José Mon Alonso
8. Jesús José Moirón Alonso
9. María Azucena Veiga Basanta