Skip to main content
Vilalba

Baldo Ramos presenta en Vilalba este domingo ‘As Aldeas da Memoria’

O Instituto de Estudos Chairegos organiza, o acto de presentación do libro As aldeas da memoria, de Baldo Ramos, patrocinado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo. No evento xuntaranse varias ramas da arte, grazas á presenza do poeta Baldo Ramos, o fotógrafo Nachok e o músico Mano Panforreteiro, que a través da música, a fotografía e a literatura, propoñen aos asistentes unha iniciativa diferente.

O acto terá lugar o domingo 7 de maio de 2023, ás 19:00 horas, na casa da cultura de Vilalba.

As aldeas da memoria é un libro de poemas de Baldo Ramos e fotografias de Nachok a xeito de “un ensaio artístico visual e literario que pon de manifesto a silandeira, contínua e inexorable condena que sofren as nosas aldeas, vistas desde a palabra e imaxe conxugadas co impulso do recordo”, segundo sinalan desde Vicepresidencia da Deputación de Lugo, organismo que edita o libro.

En palabras do escultor Daniel Caxigueiro, que escribe o prólogo “As aldeas da memoria e froito do diálogo entre Baldo Ramos e Nachock. A reflexión e o coñecemento da nosa realidade son o punto de encontro, o lugar no que as dúas disciplinas abren as portas a un universo creativo alleo. Nesta ocasión, o visual e o literario teñen suficiente interese e pouso como para que os límites da observación e da memoria gocen da interferencia xusta entre o verbal e o visual. Baldo Ramos e Nachok pretenden dar unha visión contemporánea da nosa historia recente, poñendo en valor todo o que o tempo foi desbotando, os espazos que na memoria e nos lugares queda desa Galiza esvaecida por un contexto social que tolerou a decadencia e abandono dun sistema de valores, dunha forma de vida que se nega a marchar de todo”.

Baldomero Fernández Ramos, Baldo Ramos, nado en Celanova o 1 de xaneiro de 1971, é un poeta e artista plástico galego. Cultiva a súa vocación artística dende os 17 anos, cando comeza a escribir poesía. Remata a carreira de Filoloxía Hispánica na Universidade de Santiago de Compostela no 1994, na que tamén cursa o Doutoramento en Literatura Española e Hispanoamericana.

Traballou como docente no instituto de Valga e despois no IES de Sar en Santiago de Compostela impartindo clases de lingua castelá e literatura. Comezou a pintar no ano 1993 pola necesidade de establecer pontes entre a escrita e a plástica, expoñendo por primeira vez no ano 1994 en Santiago de Compostela. Ten colaborado como poeta
e ensaísta en diferentes iniciativas editoriais como Grial, Anuario de Estudios Galegos, Ólisbos, Casa da Gramática, Río Arga, Luces y sombras ou Dorna; e como ilustrador de obras literarias para Follas Novas Edicións, Centro Ramón Piñeiro, Espiral Maior, Dorna, Boletín Galego de Literatura, Faktoría K ou Kalandraka, así como o libro Mongólia: umha entidade estatal rugosóide de Ígor Lugrís.

A súa poesía é pouco xenerosa verbalmente, pero non así en canto ao rango de emocións profundas que expresa.
Pertence á líña emerxente de autores mozos que, a través do seu intenso labor, renovaron a poesía galega. É autor de
máis de douscentos libros de artista de exemplar único.