Skip to main content
Vilalba

As traballadoras do asilo de Vilalba denuncian falta de persoal e medios

Por 26 Maio, 2023Sin comentarios

As traballadoras da Residencia de Maiores de Vilalba -xestionada pola Fundación Hospital Asilo de Vilalba (FHAV)- rexistraron un escrito dirixido á alcaldesa Elba Veleiro Fernández -dado que o Concello é parte do Padroado da Fundación Hospital Asilo de Vilalba-, así como á Inspección de Traballo, para denunciar as graves dificultades que están a ter para poder levar adiante unha correcta atención ás persoas residentes.

Xa en abril do ano 2021, logo de recibir queixas de persoas usuarias da residencia de maiores, o Sindicato Labrego Galego denunciou a falta de persoal e o incumprimento dos ratios regulados na normativa de Centros de Servicios Sociais.

Dous anos despois, as traballadoras denuncian que seguen a incumprirse os ratios requeridos pola Lei de Servizos Sociais, toda vez que non se cubren as ausencias. Na actualidade hai aproximadamente 157 residentes repartidos en 6 pavillóns. “Nalgúns deles hai até 30 residentes e só unha persoa traballadora en quenda de mañá. Durante a tarde estes 157 residentes están atendidos por 7 traballadoras que, entre outras tarefas, deben levantar da sesta, cambiar cueiros, dar as merendas, xestionar as visitas, dar as ceas e deitar a estas máis de cen persoas”, explican.

Esta situación é inda máis complicada por mor da falta de actualización da situación de dependencia das persoas usuarias, figurando moitas grandes dependentes só con supervisión física ou verbal, segundo trasladan as traballadoras. Á falla de persoal engaden as dificultades que lles supón non contar tampouco con medios materiais suficientes para a atención das persoas residentes, tales como grúas adaptadas, cadeiras de rodas e todo tipo de material sanitario.

“Esta situación prolongada nos últimos meses é totalmente insostible e repercute gravemente tanto na saúde das traballadoras, derivado do nivel de estrés e ansiedade que están a sufrir ao non contar co persoal nin cos medios necesarios, como na calidade de atención ás persoas residentes, que se poden ver afectadas de maneira moi importante nos seus coidados”, explican dende o SLG, que se fixeron eco da protesta das traballadoras.

Canda a denuncia dirixida polas traballadoras ao Concello, a vogal do SLG no Consello Galego de Benestar Social dirixiuse tamén o pasado 14 de abril e o 18 de maio á Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria da Consellería de Política Social e Xuventude para solicitar que se comprobe con caracter de urxencia se é certo que as persoas usuarias teñen recollido de xeito incorrecto na documentación da entidade o grao de dependencia e, polo tanto, mal realizados os seus coidados.

Margarida Prieto xa requerira tamén no mes de abril coñecer o número de persoal sanitario e non sanitario que lle corresponde á residencia de persoas maiores Fundación Hospital Asilo segundo o número de persoas usuarias que atende na actualidade, así como que número de traballadores ten contratado na actualidade nas diferentes categorías.

Pola súa banda, dende o Concello aseguran que se suman á protesta e investigarán coa Xunta a situación que consideran “que se esclarezan”. Aseguran que “queremos que se preste o mellor servizo a estes usuarios”.