Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

A Deputación comeza os traballos de roza nas estradas provinciais

Por 4 Xuño, 2023Sin comentarios

Máis de 200 operarios traballan nestas tarefas que se desenvolven de forma simultánea nas zonas de conservación nas que está dividida a rede viaria provincial máis extensa de España.

A Deputación de Lugo informa que comezou xa os traballos de desbroce nos máis de 4.200 quilómetros de estradas provinciais, aos que destina máis de 2,5M€ nesta anualidade. Ao igual que en anteriores campañas, a institución provincial axiliza estes labores para mellorar a visibilidade e seguridade nas estradas de titularidade provincial, ademais de favorecer a prevención de incendios de cara a época estival.

O Plan de Roza da Deputación ten despregado un dispositivo con máis de 200 operarios que traballan de forma simultánea nas zonas de conservación nas que está dividida a rede viaria de titularidade da institución. Os traballos que se están a levar a cabo consisten no desbroce e limpeza xeral da maleza en ambas marxes das vías, ademais da realización das tarefas de poda de arborado para deixar libre un gálibo de 5 metros de altura en todo o ancho da vía.

Estes traballos teñen un prazo máximo de execución de dous meses, polo que entre finais de xuño e principios de xullo, prevese que a rede provincial máis extensa de España e tres veces maior que a da Xunta de Galicia, con 4.200 quilómetros, estea nas mellores condicións para desfrute dos condutores e visitantes durante o verán, época na que se rexitra un maior número de tráfico na provincia luguesa.

As 24 zonas nas que está dividida a rede provincial para desenvolver os desbroces son as seguintes:

– Zona 1: O Vicedo, Viveiro, Xove e Ourol.
– Zona 2: Burela, Cervo, Foz, O Valadouro e Alfoz.
– Zona 3: Muras, Xermade e Vilalba.
– Zona 4: Barreiros, Ribadeo, Trabada e Lourenzá.
– Zona 5: Mondoñedo e Abadín.
– Zona 6: A Pontenova, Riotorto e A Pastoriza.
– Zona 7: Cospeito, Rábade, Outeiro de Rei, Guitiriz e Begonte.
– Zona 8: Castro de Rei, Pol e Meira.
– Zona 9: Lugo e Guntín.
– Zona 10: Castroverde e O Corgo.
– Zona 11: Friol.
– Zona 12: Baleira, Baralla e Láncara.

– Zona 13: Ribeira de Piquín e A Fonsagrada.
– Zona 14: Negueira de Muñiz e Navia de Suarna.
– Zona 15: Becerreá e As Nogais.
– Zona 16: Cervantes e Pedrafita do Cebreiro.
– Zona 17: Antas de Ulla, Monterroso, Portomarín e Palas de Rei.
– Zona 18: O Páramo, Paradela e Sarria.
– Zona 19: O Incio, Triacastela e Samos.
– Zona 20: Taboada e O Saviñao.
– Zona 21: Chantada e Carballedo.
– Zona 22: Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil.
– Zona 23: Bóveda, Pobra do Brollón e Monforte de Lemos.
– Zona 24: Pantón e Sober.