Skip to main content
Lugo

Os veciños do centro, descontentos coa resposta do Concello ás súas demandas

Por 2 Xuño, 2023Sin comentarios

A Plataforma de Veciños do Barrio Centro de Lugo recibiu recentemente resposta do equipo de goberno do Concello fronte ás súas propostas con respecto aos proxectos de peonalización do Centro que non foron da súa satisfacción.

“Unha vez reunidos os veciños no seo da Plataforma e valorada dita resposta, estes lamentan profundamente que o Concello se manteña na mesma actitude desde o inicio destes procesos de peonalización, en que non se tivo en conta nin a opinión nin as necesidades reais dos veciños”.

Explican que a Plataforma presentou unhas propostas “moi estudadas polo seu equipo de técnicos, garantindo a viabilidade en canto a prazos e economía de todas elas e sendo mínimas por non ter a necesaria oportunidade de intervención desde o inicio destes proxectos”. A resposta ás mesmas, despois de case dúas semanas de espera, redúcese aos ambiguos termos de “aceptar valorar” ou “estudar adaptar” o cambio dalgunhas árbores ou bancos por outros máis adecuados, rexeitando ou non valorando o resto de propostas de mellora, especialmente sobre o mantemento das zonas axardinadas actuais e a súa ampliación, cuestión irrenunciable por parte dos veciños.

Ante esta resposta, a Plataforma de Veciños do Barrio Centro de Lugo esixe ao equipo de goberno que depoña “a actual actitude de menosprezo aos veciños e se abra de forma real e efectiva á mellora duns pésimos proxectos de peonalización, aproveitando a colaboración necesaria, leal e seria que lle ofrece a Plataforma, para o obxectivo común dun barrio Centro e unha cidade de Lugo á altura dos seus veciños”.