Skip to main content
Monforte

Presentado o cartel e o programa completo do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte

Por 1 Xuño, 2023Sin comentarios

O goberno local de Monforte presentou o programa e cartel oficial da quinta edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte, que se celebrará do 31 de xuño ao 2 de xullo no paseo do Malecón da cidade.

“O Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte, é unha proposta diferente cun amplo programa de actividades que xiran en torno ó viño, que é o auténtico protagonista do Festival”, sinalou José Tomé. Neste senso, o alcalde destacou, o incremento no número de adegas participantes, que aumentou en dúas con respecto á edición de 2022, participando neste ano 30 adegas, que supoñen o número máis alto de participación nas 5 edicións que se levan celebrado do Festival do Viño. Todas estas adegas ofrecerán ó visitante a posibilidade de degustar e gozar dunha ampla variedade de viños que non deixarán indiferente a ninguén, nunha contorna natural, tranquila e confortable á beira do Río Cabe.

“Estou convencido”, sinalou o rexedor monfortino, “de que o Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte seguirá sendo un evento de referencia no sur da provincia de Lugo, un evento destinado a público de todas as idades, onde quen nos visite poderá descubrir e sentir Monforte e a Ribeira Sacra a través da súa paisaxe, gastronomía e tradición e por suponto, do viño”.

Deseño do Festival do Viño

No que se refire ao cartel oficial do Festival, o alcalde explicou que “este ano quixemos conservar a esencia do produto que se vai a degustar, dándolle relevancia ao verdadeiro protagonista do Festival, que é o viño e por iso utilizamos unha imaxe real, concretamente, unha fotografía realizada durante a derradeira edición do Festival”.

En canto á montaxe e deseño dos stands, continúa a liña de edicións anteriores, coa utilización de madeira en cor natural, tonos violetas e granates misturados con elementos mais contemporáneos como é o aceiro en determinadas estructuras. “Como novidade, deseñouse unha importante zona de sombreado que abarca todo o recinto así como o acceso ao palco inaugural para que o visitante que se achegue, poda pasear polo espazo do Malecón máis comodamente e que o palco inaugural sexa utilizado como Photocall”, estableceu o alcalde.

Ademais, incorporáronse tamén Totems informativos co programa ao longo do recorrido para que o visitante poda seguir cada unha das actividades nos diferentes horarios.

O Festival contará cunha zona de gastronomía, que contribuirá a acompañar mellor a degustación dos viños, e na que participan diferentes empresas do sector da alimentación, así como establecementos asociados a “E para comer Lugo”.

Actividades e programa

Como en anteriores edicións, haberá diversos obradoiros infantís e para adultos, masterclass, rutas do viño e actuacións musicais no Campo de San Antonio.

Así, o primeiro día, venres 30 de xuño, abriranse os stands ás 19.00 horas e ás 20.00 terá lugar a actuación da Compañía de Danza de Fran Sieira para dar lugar á inauguración ás 20.15 horas co pregoeiro D. José Mouriño Cuba. Xa ás 23.00 horas Sés dará un concerto e ás 00.00 horas pecharán os stands.

O sábado, 1 de xullo, abrirán os stands ás 11.00 horas e ás 11.30 horas terá lugar un taller de análise sensorial, que abrangue diversos estilos a través das súas
variedades máis nobres. Unha hora máis tarde terá lugar unha actividade para os máis peques, un contacontos da man de Anxo Moure. E unha hora máis tarde, ás 13.30 horas terá lugar un taller de análise sensorial con viños elaborados a partir de variedades ancestrais recuperadas.

Ademais, pola tarde, a partir das 15.15 horas, terá lugar unha ‘vinoruta’ do Sil “Tradición e Viñedos do Sil” na que os participantes irán de Monforte de Lemos cara ao concello de Sober para visitar a adega Rectoral de Amandi. Tamén, e a partir das 19.30 horas, está programada unha actividade de Alfarería Tradicional da Ribeira Sacra – Figulus. Por último, á noite, actuarán Diboa e Xisco Feijóo.

Por último, o domingo 2 de xullo, está organizada para quen queira una ‘vinoruta’ do Miño “Os viñedos e o Río Miño’ a partir das 10.15 horas que partirá de Monforte de Lemos cara ao concello do Saviñao, para visitar a adega Abadía da Cova, Adegas Moure. Pola súa parte, abriranse os stands ás 11.00 horas e ás 12.30 horas terá lugar tanto unha masterclass de Viños da Ribeira Sacra vs Viños Internacionais, impartida por Alejandro Padín; como o obradoiro infantil circense con Circonove.

Xa pola tarde, ás 19.30 horas terá lugar un obradoiro infantil sobre showcooking impartido por Velaísca Animación e, pola noite, a partir das 21.00 horas, actuará Fillas de Cassandra e ás 22.30 horas clausurarase o “Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte 2023.