Skip to main content
Chantada

Outros catro anos de goberno popular en Chantada

Por 2 Xuño, 2023Xuño 3rd, 2023Sin comentarios

Manuel Lorenzo Varela acadou de novo a maioría absoluta, mentres que a forza Por Chantada conseguiu dous concelleiros máis

A pesar de que este ano diminuíu o número de persoas que votaron aos populares de Chantada, ese feito non fixo que conseguiran a maioría absoluta coa que volverán gobernar outros catro anos, como o levan facendo desde 2011 e coa confianza no actual rexedor, Manuel Lorenzo Varela.

Das 6.716 persoas censadas no Concello chantadino, votaron 5.164, das que 2.164 optaron pola papeleta azul. Estes datos traducíronse en 7 concelleiros, xusto os que fan a maioría absoluta.

Desde a agrupación popular quixeron agradecer a todos os veciños de Chantada “a confianza que depositastes en nós para ser os gañadores das eleccións municipais. Sen vós todo isto non sería posible”, explicaron. Así, sostiveron que “nos enche de orgullo poder seguir gobernando Chantada durante os próximos catro anos, e traballaremos arreo para todas e todos como sempre fixemos”.

Pola súa parte, o Partido Socialista, da man de Mariano Nieves, acadou só 2 concelleiros, 2 menos que nos anteriores comicios, xa que o número de votos baixou de 1.471 a 836. Este resultado non lles impediu dar as grazas a todos os veciños “que nos apoiastes”.

Así, sostiveron que “non imos negar nin esconder a obviedade: os resultados obtidos están moi lonxe dos desexables”, recoñeceron. “Facemos autocrítica desde xa, seguirémola facendo e, sobre todo, traballaremos desde hoxe máis arreo que nunca para ser a alternativa que Chantada merece, a que traia a Chantada un goberno de esquerdas, que é posible, xa temos un exemplo na comarca”, argumentaron.

CONCELLEIROS ELECTOS

  • Mariano López Nieves PSOE
  • Elena Pavón Ramírez PSOE
  • Antom Fente Parada (Por Chantada-Igv)
  • Cruz Fernández Rodríguez (Por Chantada-Igv)
  • Helena Fernández Montes (Por Chantada-Igv)
  • Ibán Ratón Varela (Por Chantada-Igv)
  • Manuel Lorenzo Varela Rodriguez PP
  • Manuel Dieguez Carballo PP
  • Maria Candida Carnero Blanco PP
  • Diego Otero Veiga PP
  • Pamela Fernandez Aguila PP
  • Juan Alberto Dieguez Fernandez PP
  • Belen Vazquez Caseiro PP

Por último, o terceiro partido político que obtivo representación foi a forza independente Por Chantada – Interior Galego Vivo, encabezada por Antom Fente, quen conseguiu o voto de 1.406 persoas, o que lles fixo medrar en 2 concelleiros, os dous que perdeu o PSOE. Así, Por Chantada terá catro concelleiros no goberno local.

Desde a agrupación política quixeron agradecer a toda a veciñanza “polo desenvolvemento exemplar da xornada electoral e pola elevada participación e, nomeadamente, ás 1.406 persoas que escolleron a nosa papeleta”. Explican que, por terceira vez, “fomos o partido que máis aumentou en apoios e duplicamos o número de concelleiros, obtendo un resultado histórico”.

Porén, recoñecen non estar “satisfeitos”, porque “o noso obxectivo era gobernar e mellorar Chantada, algo que, a pesar da baixada do PP, non conseguimos, ao quedar 600 votos sen representación”, denunciaron.

Pola súa parte, o BNG, Xuntos polo Cambio e Chantada centro conseguiron pouco máis de 200 votos cada un, o que non lles supuxo representación no goberno local.