Skip to main content
Cultura SARRIAXASamos

Moisés Arza, do Hotel A Veiga de Samos: “A maior parte da carta son produtos de proximidade”

Por 4 Xuño, 2023Xuño 5th, 2023Sin comentarios

Falamos con Moisés Arza Quintero, do Hotel A Veiga Restaurante de Samos, que está en funcionamento desde o ano 1983.

Con que obxectivo se puxo en marcha?

O Hotel A Veiga abriuse co obxectivo de dar un servizo integral tanto a viaxeiros, xa foran turistas ou peregrinos que facían o Camiño Francés do Camiño de Santiago, como a xente da contorna de Samos.

Que servizos ofrecen?

Ofrecemos almorzos, xantar, ceas e tamén aloxamento. En concreto, contamos con 15 habitacións que serven a turistas como sitio para desconectar e a peregrinos como descanso para a súa longa andaina.

Cal é a media de persoas que acoden ao hotel?

É difícil facer unha análise da media de persoas que veñen ao hotel ao mes, porque depende moito da tempada, aínda que cabe destacar que os días de máis afluencia de xente son os domingos, os festivos e os da época estival, coincidindo coas festas do verán, as vacacións e a tempada de máis peregrinos facendo o Camiño de Santiago.

Con respecto ao restaurante, que se vai atopar alguén que vaia?

Temos menú do día diariamente e de luns a venres e tamén carta todos os días. Ademais, temos menús adaptados para grupos ou eventos especiais.

Que tipo de produtos ofrecen no restaurante?

A maior parte da carta componse de produtos de proximidade: tenreira galega suprema, queixos galegos, viños das Denominacións de Orixe de Galicia, pescados das nosas lonas, castañas… E adaptamos a carta segundo os produtos propios da tempada.

A localización deste Hotel ten que ver co Camiño de Santiago?

Está localizado nun lugar privilexiado, ao carón río e en pleno Camiño Francés, do Camiño de Santiago; e a 700 metros do Mosteiro de Samos.

Teñen algunha proxección de futuro?

Intentar mellorar día a día escoitando os nosos clientes para poder proporcionar o mellor servizo e calidade posibles.

Queremos agradecer aos nosos clientes que veñen e pasan tempo con nós, xa que fan que cada día abramos o Hotel A Veiga con ilusión.