Skip to main content
Samos

Samos podería estar gobernado por unha muller independentista

Por 2 Xuño, 2023Xuño 3rd, 2023Sin comentarios

O panorama político de Samos, no que o actual alcalde que goberna co PSOE aparece ao final das listas do PP, fixo que os cidadáns apostaran polo BNG

En Samos, onde hai 1.133 persoas censadas, foron 1.011 os veciños e veciñas que decidiron depositar o seu voto, o que supuxo o 89,23 %. Desa porcentaxe, o 43,05 & votou ao PP en 431 votos, o que lle supuxo ser a forza política máis votada e o que se traduciu en 4 concelleiros.

Pola súa parte, o 29,27 % votou ao BNG, 293 persoas que apostaron por Chus López e que lle fixo gañar 3 concelleiros. Mentres, o PSOE foi a forza política menos querida polos samoenses, xa que só 211 votaron aos socialistas, o 21,07 %. Así, conseguiron 2 concelleiros.

Con estes resultados, podemos dicir que Miguel Gallego, candidato á Alcaldía polo Partido Popular e fillo do actual rexedor, Julio Gallego; conseguiu a vitoria en Samos, pero non acadou a maioría absoluta, xa que ten 4 concelleiros e a absoluta chégase con 5.

Por isto, cos dous concelleiros do PSOE de José Antonio García Jurjo e os tres do BNG de Chus López, poderíase conformar un goberno formado por un bipartito de esquerdas, acadando con eses 5 concelleiros unha maioría absoluta.

  • Miguel Gallego Saavedra PP
  • Martín Chaos Carballo PP
  • Marisol Orille Díaz PP
  • Martín López Quiroga PP
  • María Jesús López López BNG
  • José Manuel López Préstamo BNG
  • Nagarí López López BNG
  • José Antonio García Jurjo PSOE
  • José Manuel Campo López PSOE

A posible próxima alcaldesa de Samos, Chus López, cabeza da lista do BNG, sostivo que “estamos moi contentos co resultado obtivo e queremos agradecer sobre todo aos veciños e veciñas de Samos todo o seu apoio, tanto dentro como fóra das urnas”.

No caso do candidato popular Miguel Gallego, este defendeu que as “sensacións tralas eleccións son boas, xa que levantei un partido que estaba en declive e obtivemos o mellor resultado dos últimos 16 anos”, defendeu. Porén, di que o resultado “resultou decepcionante porque iamos a pola maioría absoluta, ás que non chegamos por 20 votos, polo que comezaremos a traballar xa como oposición”, argumenta.

Pola súa parte, José Antonio García Jurjo cre que “sempre se pode mellorar”, aínda que sostén, está “satisfeito” cos resultados, aínda que “esperabamos un pouco máis de apoio, pero os resultados son os esperados”, sostivo.

Con respecto a Xosé Real, candidato de Partido Galego, este non acadou unha representación significativa, polo que non obtivo ningún concelleiro para poder formar parte das decisións que se tomarán os vindeiros catro anos no municipio de Samos.

En declaracións deste: “Estas eleccións para nós foron un fracaso. Foron oito anos na oposición traballando moi duro polos veciños, os que non souberon agradecer o noso compromiso. Aparte diso, a campaña foi moi dura en contra nosa, dando por feito cousas que nos nunca fariamos porque o temos sobradamente demostrado”. Así, recoñece que “o noso sentimento é agridoce, porque aínda que perdemos representación, alegrámonos de que se cambiara o goberno e deixaran de dirixir os destinos de Samos esa familia de mafiosos”, rematou.