Skip to main content
Lugo

Arranca a segunda edición do Lugo Music Festival

Por 29 Agosto, 2023Sin comentarios

A concelleira de Cultura e o Tenente Alcalde, Rubén Arroxo recibiron esta mañá participantes do encontro, procedentes de distintas zonas do mundo.

A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, e o Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, visitaron a Escola Municipal de Música, onde participaron na benvida ás persoas participantes da segunda edición do Lugo Music Festival, o encontro de dirección e canto organizado pola área de Cultura en colaboración coa asociación Músico Crisanto que durante esta semana achega a Lugo a unha selección músicos e músicas procedentes de distintas zonas do mundo. Maite Ferreiro destacou esta cita “como unha gran promoción da cidade, poñendo a Lugo no mapa da creación artística, e convertendo as nosas rúas nun escenario importante para a formación das directoras e directores e cantantes que participan no encontro.”

Ferreiro destacou que a área de Cultura e Turismo “busca achegar a Lugo un turismo de calidade, fuxindo das masificacións e apostando por unha ampla actividade cultural que poidan desfrutar tanto as veciñas e veciños de Lugo como as persoas que se achegan a pasar uns días”, e engadiu “actividades como o Lugo Music Festival permítennos cumprir este obxectivo, posicionando a Lugo como un punto importante na formación musical”.

Na segunda edición do Lugo Music Festival participan directores e directoras de orquestra xunto con cantantes que chegaron a Lugo procedentes de cidades galegas e do estado, ademais de participantes de outros países como Alemaña. Durante esta semana recibirán formación a cargo de Cristobal Soler, presidente da Asociación Española de Directores de Orquestra e director das orquestras do Teatro Real, Orquestra de RTVE e Orquestra Nacional de España na rama de dirección, e de Lorena Valero na rama de canto, xunto cos mestres Enrique García Asensio, un dos directores de orquestra máis recoñecidos do estado, e cunha gran traxectoria internacional, e Rafael Pascual Villaplana, compositor e director valenciano que conta con múltiples recoñecementos a nivel estatal e internacional.

O Lugo Music Festival continúa a achegar ás rúas de Lugo actividades abertas ao público xeral, con concertos, conferencias e ensaios abertos de distintas agrupacións musicais, que servirán tamén para mostrar o traballo realizado polas cantantes e directoras e directores asistentes ao campus.

Programación II Lugo Music Festival

Martes 29

  • 10:30 na Escola de Música de Lugo – Recepción
  • 11:00 a 17:30 na Escola de Música de Lugo – Clases
  • 17:45 a 19:45 na Rúa Quiroga Ballesteros – Ensaio aberto coa Banda Sinfónica e Coro
  • 20:30 no Círculo das Artes – Concerto de xuventude solista

Mércores 30

  • 10:45 a 14:00 na Rúa Quiroga Ballesteros – Ensaio aberto con Big Band
  • 16:00 a 19:30 na Escola de Música de Lugo – Clases
  • 20:30 na Praza Anxo Fernández Gómez – Concerto de Big Band

Xoves 31

  • 10:45 a 14:00 na rúa Quiroga Ballesteros – Ensaio aberto con Ensemble de saxos.
  • 16:00 a 19:30 na Escola de Música de Lugo – Ensaio con Grupo de Cordas
  • 20:30 na Praza Anxo Fernández Gómez – Concerto con Ensemble de saxos

Venres 1

  • 10:45 a 14:00 na Escola de Música de Lugo – Ensaio con Grupo de Corda
  • 16:00 a 17:30 na Escola de Música de Lugo – Masterclass Enrique García Asensio
  • 18:00 a 19:30 na Escola de Música de Lugo – Clases
  • 20:30 no Círculo das Artes – Concerto de Grupo de corda

Sábado 2

  • 10:45 a 14:00 na Escola de Música de Lugo – Ensaio con ensemble de metais
  • 16:00 a 17:30 na Escola de Música de Lugo – Marterclass Rafael Pascual Vilaplana
  • 18:00 a 19:30 na Praza Anxo Fernández Gómez – Ensaio aberto con Banda Sinfónica e Coro
  • 20:30 na Praza Anxo Fernández Gómez – Concerto final con ensemble de metais + Banda de música e coro