Skip to main content
Lugo

O Pazo de San Marcos acolle desde hoxe o Festival Cartografía en Movemento

Por 27 Setembro, 2023Sin comentarios

O Pazo de San Marcos será o principal escenario do Festival Cartografía en Movemento, que se celebra desde mañá – 28 de setembro – e ata o domingo -1 de outubro-. Obradoiros e artes vivas para todos os públicos son as propostas desta cita organizada pola Asociación 3monos e o Colectivo Glovo, coa colaboración Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a Área de Cultura do Concello de Lugo.

A deputada de Cultura Iria Castro, a concelleira de Cultura Maite Ferreiro, Esther Latorre e Hugo Pereira de Colectivo Globo, presentaron esta tarde a programación, artellada coa premisa de introducir as artes escénicas en espazos non convencionais.

O Festival desenvolverase nesta edición baixo o lema xardíns secretos que, explica a organización, remite ao proverbio chinés “Se queres ser feliz un mes, namora. Se queres ser feliz un ano, casa. Se queres ser feliz toda a vida, faite xardineiro” e que convida a descubrir e reconstruír os espazos nos que se desenvolve a través da danza e da interpretación.

A deputada de Cultura Iria Castro agradeceu á organización “que contara co Pazo de San Marcos para desenvolver esta programación, e remarcou o encaixe desta proposta na vontade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo de proxectar o edificio e a súa como un espazo aberto á cidadanía e á creación cultural”

Cartografía en movemento

A programación comeza mañá xoves 28 na Galería de Arte Solaina ás 20:00h coa intervención de Branca Novoneyra con Bailarinas antifascistas. Continuará Marta Cuba coa inauguración da exposición Xardín cuberto, actividades para todos os públicos e coa entrada de balde, aínda que con aforo limitado.

A programación continúa o venres día 29 ás 18h co obradoiro de Latino Contemporáneo – Bailando en Familia no interior do Pazo de San Marcos a cargo de Allyson Maykall, ao que seguirá A danza como porta ao trance, impartido por Sybila Gutiérrez e Itxasai Mediavilla ás 20h.

O festival continua na mañá do sábado 30 no interior do Pazo de San Marcos, onde ás 13h abrirá o programa o Alumnado do CDAN de Lugo con coreografía de Maruxa Salas cunha peza titulada Una. Continuará Cía. iXa, cun espectáculo co nome de Ollos cara adentro. Seguirán Cía. Venérea coa súa proposta Urania Ultra.

No mesmo día 30 ás 20h nos xardíns traseiros do Pazo de San Marcos abrirá o programa a peza Dormu de Cía. Indalecio Seura. Continuará Caso 26 de Cía. Allyson Maykall artista costarricense e pechará A raíz de de Cía. Daniel Rodríguez.

Estas propostas son para todos os públicos e para inscribirse cómpre só mandar un mail indicando nome e idade a reservascartografiaenmovemento@gmail.com.

Na xornada do domingo día 1 celébrase A alma de Cartografía na que participarán persoas, parellas e grupos, que presentarán a súa proposta artística á convocatoria aberta pola Asociación 3monos con este obxectivo. As actividades desenvolveranse na contorna da Escola de Imaxe e Son do Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo.