Skip to main content
Sarria

A subdelegada do Goberno destacou en Sarria o traballo que se desenvolve no marco do Plan Director

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, mantivo un encontro co alcalde de Sarria, Claudio Garrido, xunto a responsables de seguridade do Concello, Garda Civil, Subsector de Tráfico e Policía Local no Concello de Sarria, onde agradeceu o “gran traballo” que está a desenvolver a Garda Civil coa comunidade educativa do municipio para a identificación de accións que poidan constituír un delito e a súa prevención a través do Plan Director.

Este programa para a convivencia e mellora da seguridade nos centros de ensino xa leva realizadas 44 accións formativas nos distintos colexios e institutos de Sarria ao longo dos últimos dous cursos.

Rodríguez referenciou o gran traballo que desenvolve o corpo cos escolares, impartindo charlas “de asuntos moi importantes para eles”, baseadas en acoso escolar e ciberacoso, delitos de odio, internet e novas tecnoloxías, drogas, violencia de xénero e igualdade e protección da natureza e prevención de incendios.

Ademais, sinalou que ao inicio do curso se realizou unha exhibición de medios e vehículos da Garda Civil e outros servizos de emerxencia, destacando o servizo aéreo cun helicóptero, o escuadrón de caballería con 6 cabalos, o servizo cinolóxico con 2 cans ou o laboratorio e servizo de protección da natureza.

Tamén se realizaron 2 obradoiros sobre prevención da violencia e o acoso escolar no último mes de agosto, dentro das actividades organizadas no Campamento de Verán do Concello de Sarria.

“Temos que redobrar esforzos na prevención de delitos entre os menores, así como darlles ferramentas a través de formación e información para que coñezan o funcionamento da Garda Civil e se mellore a convivencia e a seguridade de toda a sociedade, sabendo que ante calquer problema ou conflito poden contar cos seus servizos”.