Skip to main content
Viveiro

O grupo de participación xuvenil de Viveiro estivo no Parlamento polo Día Mundial da Infancia

Por 29 Novembro, 2023Novembro 30th, 2023Sin comentarios

O Grupo de Participación Xuvenil do Concello de Viveiro participou nos actos celebrados con motivo do Día Mundial da Infancia no Parlamento de Galicia. A rapazada que forma parte deste grupo acudiu á institución acompañada de varios técnicos municipais e máis da concelleira de Infancia, Lara Fernández Fernández Noriega.

A concelleira destaca que “é un orgullo que o Grupo de Participación Xuvenil puidese asisitir nun día tan importante ao Parlamento de Galicia, a casa de todos os galegos e galegas”. Aproveitaron a súa visita para dar voz a reivindicacións “tan importantes para A Mariña como a de ter unha boa atención sanitaria”.

“Seguiremos traballando en prol de que a nosa rapazada teña espazos para dar a súa visión sobre a sociedade, neste caso dende a vila onde viven, porque a súa opinión é moi importante para nós”, sinala Fernández Fernández-Noriega.

Esta visita ao Parlamento produciuse precisamente logo de que o Concello de Viveiro fose oficialmente recoñecido como candidato ao recoñecemento como Cidade Amiga da Infancia.

Esta distinción está impulsada pola Secretaría Permanente da Iniciativa Cidades Amigas da Infancia, conformada por representantes do Ministerio de Xuventude e Infancia, a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), o Instituto Universitario de Necesidades e Dereitos da Infancia e a Adolescencia (IUNDIA) e UNICEF España.

“Este recoñecemento non é só un titulo, senón un compromiso do Goberno municipal para seguir defendendo os dereitos da nosa rapazada”, afirma Fernández Fernández-Noriega.