Skip to main content
Lugo

A Tinería acollerá un centro de interpretación do traxe tradicional de Traxandaina

Por 19 Novembro, 2023Novembro 20th, 2023Sin comentarios

A Xunta de Galicia colaborará coa asociación Traxandaina para impulsar un centro de interpretación do traxe tradicional galego na rúa do Miño, no barrio da Tinería.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que a Administración autonómica está avanzando nos trámites para que o proxecto, único en Galicia, poida ver a luz nos vindeiros meses. Sinalou que a asociación poderá utilizar un local cedido polo Instituto Galego da Vivenda e Solo á Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para que poida ser empregado como espazo expositivo. O local esta situado a escasos metros da oficina de turismo e o Centro de interpretación do Camiño de Santiago da Xunta.

Arias subliñou que este proxecto cultural contribuirá a dinamizar este histórico barrio, e destacou o esforzo do Goberno galego para avanzar en paralelo na rehabilitación urbanística e na recuperación económica, social e cultural da zona.

“Deste xeito -afirmou Arias- avanzamos no desenvolvemento do barrio introducindo un recurso turístico e cultural máis, que será polo de atracción para os visitantes e para os veciños e veciñas da cidade”.