Skip to main content
Lugo

Executan obras de mellora no camiño que une as parroquias de Benade e Mazoi

Por 20 Novembro, 2023Sin comentarios

Estanse a executar obras de mellora do firme no camiño municipal que vai da parroquia de Benade á de Mazoi, dende o núcleo rural de Gundín (Benade), ata as proximidades do núcleo rural de Barcia (Mazoi). O concelleiro de Medio Rural, Miguel Fernández, supervisou as obras.

Fernández explicou que “dende o executivo municipal atendemos as demandas dos veciños e  veciñas destas parroquias, renovando o pavimento desta vía, que se atopaba deteriorado, para  facilitar a súa mobilidade e dotalos dunhas infraestruturas de calidade”.

Os traballos, que contan cun orzamento de 100.279,22 euros, enmárcanse no Programa de  Mellora de Camiños de Titularidade Municipal financiado por Agader 2023-2024 a través do  Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural.

A actuación proxectada, nun total de 1.703 metros, consiste na mellora do firme do vial municipal  que vai desde o núcleo rural de Gundín ata o camiño, tamén municipal, que vai desde Mazoi a  Benade, nas proximidades de Barcia.

As actuacións previstas para a mellora do pavimento deste camiño consisten no estendido  dunha capa de mestura asfáltica en quente de 5 cm de espesor, completándose coa execución  da sinalización viaria horizontal e a colocación dun stop na intersección co camiño que vai de  Mazoi a Benade. Tamén se proxecta a limpeza de cunetas para facilitar a circulación das augas  de escorrentía e evitar que produzan danos no pavimento do camiño.