Skip to main content
Lugo

O Concello creará en San Fiz tres novos espazos deportivos

Por 20 Novembro, 2023Sin comentarios

O Executivo de Lara Méndez, a través da concellería de Deportes que dirixe Jorge Bustos, ultima a posta a disposición da veciñanza de tres novas instalacións deportivas na contorna de San Fiz. Na actualidade este espazo, que no ordenamento municipal urbanístico prevese como solo dotacional, conta cun campo de rugby e outro de fútbol que serán acondicionados por parte do Goberno local para que poidan acoller a práctica deportiva. Ademais, existe un terceiro espazo no que a concellería de Deportes plantexa habilitar un campo de Béisbol e Softball.

“Este proxecto está a desenvolverse en contacto permanente co tecido deportivo da cidade, neste caso, cos clubs das disciplinas implicadas na instalación de rugby e na futura de béisbol. Ademais, o campo de fútbol será habilitado para a práctica de fútbol sete, dese xeito contribuímos a cubrir a alta demanda que existe na nosa cidade para acoller partidos desta disciplina debido ao elevado número de equipos e categorías existentes”, asegurou Bustos.

O concelleiro explicou que o primeiro será dotar de infraestrutura sanitaria aos campos para a correcta práctica deportiva e fomentar o bo uso dos recintos. “Como eixo transversal do proxecto, e co obxectivo de que a posta a disposición dos clubs se produza o máis axiña posible, optamos por instalar módulos prefabricados que funcionarán como vestiarios e aseos para dar servizo aos tres espazos. Tamén se acondicionará os accesos para garantir a seguridade” indicou o edil.

“Unha vez realizado este investimento, a idea é ceder a explotación do campo de rugby ao Muralla RC co que xa se atopan moi avanzadas as conversas. Esta decisión vén determinada pola traxectoria deste clube, único desta disciplina na nosa cidade e que une a tradición rugbística iniciada polo Xabarín RC e o Euita RC nos anos 80”, relatou o concelleiro quen matizou que o proxecto deportivo presentado pola entidade motivou a decisión do Executivo de Lara Méndez de apoiar esta disciplina para promocionar a súa expansión a nivel autonómico e nacional.

A mesma fórmula será utilizada coa futura instalación de Béisbol e Softball. De feito, xa se mantivo un encontro con membros do club de béisbol CBS Marineros de Lugo para analizar a posibilidade de adaptar este espazo ao uso regular desta disciplina.