Skip to main content
Monforte

O PP de Monforte denuncia a situación no barrio da Estación e no barrio da Piñeira

No PP de Monforte acusan a José Tomé “de tentar lavarse as mans e mirar cara outro lado” na resolución dos problemas co saneamento e abastecemento de auga potable que afectan á cidade dende hai varios anos.

A voceira popular, Katy Varela, recorda que no pleno de outubro o alcalde someteu a votación a prórroga dun contrato asinado entre o Concello de Monforte e Confederación Hidrográfica Miño-Sil para o arranxo de varios puntos problemáticos na cidade referentes a saneamento e abastecemento, sendo estes “problemas recorrentes” no municipio e que, segundo o convenio, tiñan que resolverse antes do remate do 2023.

“Estamos ante a terceira prórroga do convenio, asinado en 2020, e vemos como agora as obras deben rematar en 2025, alongando dous anos máis o remate das obras para solucionar problemas importantes para os monfortinos”, denuncia a popular.

Dende o PP de Monforte reprochan a José Tomé “o desinterese que amosa na corrección dos problemas de auga na cidade e o mal que se está a executar este contrato”, no barrio da Estación e no barrio da Piñeira.

Concretamente, no Barrio da Estación o goberno local “non é capaz de atopar o punto no que se está a producir o problema de subministro de auga na rúa Morín, o que derivou en que se están a furar diferentes puntos da rúa, sen que apareza o punto conflitivo coa auga”, explican. Así, o alcalde di que “os veciños teñen que instalar bombas de presión”, critican os populares, “en lugar de solucionar un problema que é responsabilidade do concello”.

Pola súa parte, o barrio de Piñeira ten problemas co saneamento, din os do PP, xa que as augas fecais saen á rúa, “co conseguinte risco sanitario que isto leva parello”, algo que cren os populares é culpa do alcalde, que “se negou a aceptar a colaboración proposta dende a Xunta de Galicia”.

Din que isto o fai para ter o falso argumento de que a Xunta nin colabora nin inviste en Monforte pero “sempre é o propio alcalde o que se nega a que a Xunta colabore na mellora da vida dos monfortinos”, denunciou.