Skip to main content
BurelaComarca AMARIÑAXA

A Sanidade reséntese na Mariña

Por 8 Decembro, 2023Decembro 9th, 2023Sin comentarios

A comarca está a vivir tempos convulsos en materia sanitaria, pois os centros de saúde contan con escasos profesionais e poucas citacións.

As asociacións culturais, deportivas e de veciños do Vicedo, veñen de rexistrar un escrito informando dos problemas do centro de saúde do Vicedo. Este texto adxúntase con 1.073 sinaturas de veciños.

Recentemente o tecido asociativo do Vicedo convocou unha concentración baixo o lema Médicos en Vicedo Xa, para demandar a cobertura de xeito continuado das dúas prazas de médico de familia. Esta mobilización súmase á anterior no Centro de Saúde de Viveiro, Paremos a destrución da Atención Primaria, que congregou centos de veciños e veciñas para reivindicar melloras urxentes na atención primaria da localidade.

Segundo trasladan dende a Plataforma Sanitaria, “a varios pacientes foilles imposible en moitos casos concertar citas para acudir ao médico, para renovar receitas, facer os partes de confirmación de baixas laborais, así como tampouco ser atendidos coa cita que tiñan”.

O centro de saúde do Vicedo conta con dúas prazas de medicina de familia, das que solo estaba ocupada unha delas de xeito continuado, acudindo algún día outra profesional. “Mais desde que este facultativo marchou trasladado a outro lugar, o Sergas deixou de cubrir todos os días as prazas de médicos, enviando de vez en cando a outra persoa”, din.

“Nestes últimos quince ou máis días só viña unha médica un día á semana, ata que desde que os colectivos veciñais, deportivos e culturais se deu a voz de alarma e saíron á rúa a apoiar a concentración que reuniu a tres mil persoas en Viveiro”, engaden, “dous días antes de que a xente saíra á rúa xa puxeron facultativo todos os días no Vicedo, iso si, “soamente durante catro horas”.

Así mesmo, dende a CIG denuncian que “á situación insostible na Atención Primaria de Viveiro e O Vicedo, agora súmase tamén O Valadouro e Alfoz”, denuncian.

Dende a central nacionalista din que “o día 22 de novembro non houbo médico no Valadouro, tampouco os días 23, 24, 27 e 28 de novembro de 8 a 9 horas nin de 13 a 15 horas. O día 29 de novembro non houbo médico de 11 a 15 horas, e o día 30 tampouco” e “as urxencias son derivadas principalmente ao Centro de Saúde de Foz, e tamén ao Centro de Saúde de Alfoz, aumentando deste xeito a carga asistencial das e dos profesionais deses centros”.

O Centro de Saúde Alfoz tamén estivo varios días sen atención completa “xa que os días 22, 23, 24, 27, 28 e 29 de novembro non hai médico en Alfoz de 8.00 a 8.30 horas e as urxencias tamén serán enviadas ao Centro de Saúde de Foz”, alertan.

CITACIÓNS.

A Plataforma Sanitaria denuncia que “numerosos pacientes quéixanse de que se van suspender as citacións dalgúns cupos ata o próximo día 2 de xaneiro de 2024, quedando moitas persoas sen médico de familia, tendo que ser vistas por algún dos outros profesionais”.

A maiores da sobrecarga que supón para o resto do cadro de persoal, ao ter que asumir estes pacientes que quedan sen médico, “centos de persoas non van poder solicitar una cita médica ao quedar sen facultativo de referencia, asignándoselle outro dos profesionais que pasan consulta ese día”, din dende o colectivo. “Isto é especialmente grave na Atención Primaria, eixo fundamental do sistema sanitario público, xa que unha das súas característica é a proximidade e a confianza entre profesionais e pacientes para lograr unha relación terapéutica, empática e asertiva que favorece á boa evolución dos problemas físicos, psicolóxicos, emocionais e sociais das persoas”, sinalan.

Segundo explica Montse Porteiro, coordinadora do colectivo, “esiximos á Xerencia e ao Goberno da Xunta que deixe dunha vez por todas de enganar á xente e comece a solucionar o problemas que ten enriba, problemas dos que son os únicos responsables”, conclúe.