Skip to main content
Pedrafita

Os traballos de rehabilitación ambiental dos antigos espazos mineiros en Pedrafita están a piques de rematar

Por 14 Febreiro, 2024Sin comentarios

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, visitou o emprazamento mineiro situado na antiga concesión de Santa Bárbara II, localizada no lugar de Rubiais, en Pedrafita do Cebreiro, onde destacou a importancia de rehabilitar ambientalmente este tipo de espazos.

Os traballos, que están a piques de rematar, posibilitarán a súa restauración ambiental total e posta en seguridade. Desde o comezo das actuacións, en decembro de 2023, realizouse a demolición controlada das antigas estruturas de explotación, que suman un volume total de 770 m3, e a integración paisaxística dun noiro e dos residuos inertes, mediante a creación dunha pendente estable sobre a que se deposita terra vexetal e se sementan especies vexetais para a súa integración paisaxística. Os traballos de restauración ambiental implican a plantación de especies forestais autóctonas, principalmente bidueiro e piñeiro silvestre, nunha área de case 19 hectáreas para fomentar a rexeneración forestal. Tamén se contemplan melloras silvícolas complementarias en certas áreas xa arboradas existentes na zona.

O investimento desta actuación de restauración ascende a un total 163.292 euros, financiados a través dos fondos NextGeneration EU que xestiona a Xunta de Galicia para actuacións de recuperación de solos e zonas afectadas pola minería do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Esta actuación permitirá ademais retirar este emprazamento do Inventario de instalacións de residuos mineiros clausurados e perigosos de España, conforme ao regulado no Real Decreto 975/2009, de 12 de xuño.