As mulleres denuncian na Deputación a violencia machista dentro dos actos do 25N

O Pazo de San Marcos acolleu este venres a IV Xornada Querémonos Vivas, Libres e Iguais
xornada-25n-libres-e-iguais
22 Nov 2024

O Pazo de San Marcos acolleu este venres a IV Xornada Querémonos Vivas, Libres e Iguais, o primeiro dos actos que organiza a Deputación de Lugo con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller. Un foro que, nesta edición, conduciu a presentadora e actriz lucense Beatriz Serén e no que participaron as expertas en dereito Elena de la Vara e Tasia Aránguez, a comunicadora Coral Herrera, a sexóloga Estefanía Fernández e a humorista Arantxa Treus.

Todas coincidiron en reivindicar, ante un salón de actos cheo, unha sociedade igualitaria e libre de violencias machistas. Na cita, que inaugurou o Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participaron tamén a deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira; a concelleira de Muller, Igualdade e Inclusión de Lugo, Ángeles Novo; ou o comisario da Policía Nacional, José Luis Romero Pérez, entre outras autoridades.

Tomé Roca salientou na inauguración que “o 25N é unha data para levantar a voz con forza, para esixir que as mulleres poidan vivir sen medo, sen sufrimento, sen opresión. Neste día, reiteramos que a violencia machista non ten cabida na nosa sociedade e que, por moito que a loita sexa longa, non imos dar un paso atrás”. Tamén destacou que nas últimas edicións desta xornada “centrámonos na mocidade”, que “é clave para erradicar a violencia machista, porque o cambio real pasa por formar unha xeración que medre no respecto, na igualdade e na liberdade”.

Elena de la Vara abordou as raíces da violencia machista e as súas diferentes manifestacións; Coral Herrera guiou a súa intervención sobre como liberar o amor romántico da violencia e o machismo; a sexóloga Estefanía Fernández Otero tomou tempo en analizar o impacto da pornografía na xuventude; Tasia Aránguez, profundizou nos riscos da captación proxeneta a través de plataformas como OnlyFans e Instagram; e por último Arantxa Treus representou oseu monólogo, Sexo débil, o carallo!

Escape room e actividades nos CAMs

O programa complétase o luns 25 de novembro coa primeira Escape Room titulada Axúdame, por favor, organizada polo alumnado do Centro de Formación Audiovisual da Deputación de Lugo. A actividade terá lugar entre as 09:15 e as 13:45 horas, e contará con 10 sesións, cada unha con 6 prazas dispoñibles. Para participar, será necesario reservar a praza a través do seguinte enlace: https://bookeo.com/axudameporfavor. A Escape Room xirará en torno á historia de Clara, unha muller atrapada nunha relación abusiva, tanto emocional como física. Durante os últimos meses, Clara intentou, en segredo, comunicarse cos seus amigos e familiares, deixando pequenas pistas case imperceptibles, con a esperanza de que alguén logre entender a súa situación e poida axudala.

Ademais, ás 12 na praza de San Marcos farase a lectura do manifesto que foi acordada por todos os grupos da corporación provincial. Un acto que está convidada toda a sociedade para condenar dun xeito unánime a violencia machista.

Por outra banda, a programación do 25N tamén chegará aos Centros de Atención a Maiores da Deputación de Lugo. No CAM de Pedrafita de Cebreiro, desenvolverase unha actividade interxeracional co alumnado de secundaria do CPI Uxío Novoneira. A actividade consistirá en analizar os estereotipos de xénero presentes no conto de Brancaneves e reverter a súa historia, elaborando unha nova versión nunha mesa redonda con estudantes do CPI. O 25 de novembro, xunto co alumnado, terá lugar o acto de lectura do conto de Brancaneves con perspectiva de xénero no CAM de Pedrafita. Así mesmo, no CAM de Fonsagrada tamén se realizará unha performance titulada Trapos sucios fóra, na que as mulleres do centro exporán con mensaxes os trapos sucios, para logo mostrar os trapos limpos, simbolizando así a liberación e o empoderamento feminino.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.14247703552246