Skip to main content
Viveiro

O retorno do Resurrection Fest sitúase nuns 25 millóns de euros para a comarca da Mariña

Por 19 Abril, 2024Sin comentarios

A Deputación de Lugo apoia, un ano máis, a celebración do Resurrection Fest de Viveiro cunha aportación económica de 150.000 euros. Así o anunciou a Voceira socialista do Executivo provincial, Pilar García Porto, quen informou de que a colaboración se materializa a través dun convenio co Concello viveirense aprobado este venres na Xunta de Goberno para “contribuír á promoción dun festival de referencia a nivel internacional que chega á súa 19ª edición”.

Na Deputación de Lugo, “temos claro que este é un evento musical de éxito feito a si mesmo, un exemplo do que unha iniciativa dun grupo de afeccionados pode conseguir co respaldo intelixente do Concello e do conxunto das administracións públicas, e o máis importante, da xente”, asegurou García Porto. Así mesmo, explicou que é “un evento que concorda perfectamente co modelo de turismo polo que apostamos na Deputación. Vivir experiencias, desfrutar da música e compartir momentos únicos con xente de todo o mundo nun enclave espectacular como é a comarca da Mariña”.

Nas súas palabras, a Deputada evidenciou que o festival conta cunha alta calidade musical e xera un retorno “moi importante”. Así, os datos das últimas edicións revelan que, de cada 10 euros investidos no festival, 4 quédanse na industria da música, mentres outros 6 quedan na contorna. Desta forma, xuntando o impacto socioeconómico e a promoción mediática, o retorno do Resurrection Fest sitúase nuns 25 millóns de euros para a comarca da Mariña.

O programa

Os vindeiros días 26, 27, 28 e 29 de xuño “volverá a poñerse no mapa mundial Viveiro, A Mariña e o conxunto da provincia de Lugo grazas ó Resurrection Fest, que este ano reunirá a 89 bandas nun dos carteis máis grandes e ambiciosos, dado que máis de 60 delas nunca actuaran antes en Viveiro e outras 17 nunca o fixeron en España”, subliñou a voceira socialista do Goberno.

Este ano o Resurrection Fest contará con bandas como Alice Cooper, The Offspring, Avenged Sevenfold, Sum 4, Machine Head, Megadeth, Bad Omens, Babymetal, Electric Callboy, Acept, Fear Factory, Delain, Sôber, Finntroll, Crystal Lake, Biohazard, Comeback Kid, Cromags, Bob Vylan, Lendakaris Muertos ou Graveyard.