Skip to main content
Lugo

O Concello de Lugo respalda o labor da UNRWA cos refuxiados de Palestina

Por 21 Abril, 2024Sin comentarios

A área socialista do Goberno local defenderá no pleno ordinario unha proposición que ten por obxectivo que o Concello de Lugo, como institución, manifeste o seu respaldo ao imprescindible labor que realiza a UNRWA coa poboación refuxiada de Palestina, tanto en Gaza e Cisxordania, como nos campos de refuxiados e refuxiadas existentes na rexión, que acollen á esta poboación.

A Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina en Oriente Próximo (UNRWA) é unha organización das Nacións Unidas que proporciona e atende ao desenvolvemento, a educación, a saúde, os servizos sociais e a axuda de emerxencia de máis de 5.9 millóns de refuxiados e refuxiadas palestinos, que viven en Xordania, Líbano, Siria, Cisxordania e a Franxa de Gaza, en 59 campamentos.

“Continúa sendo a principal organización en acometer este compromiso”, explicou a voceira municipal, Ana González Abelleira. O texto presentado polo grupo de goberno insta á comunidade internacional a respectar os compromisos políticos e económicos adquiridos coa UNRWA e  a exhortar á comunidade para incrementar os fondos destinados para que a organización poida continuar co seu labor. Tras cinco meses de conflito, a situación en Gaza é cada vez máis extrema, con máis de 32.000 palestinos mortos, case 200 persoas cada día.

Máis de 12.000 nenos asasinados

“Delas 90 de media son nenos e nenas; segundo denuncia o comisionado xeral desta organización, os máis de 12.000 nenos e nenas asasinados no últimos catro meses en Palestina son máis que os que causaron todos os conflitos e guerras globais no últimos catro anos. Esta axencia da ONU é o principal escudo humano contra as vítimas do conflicto”, apuntou a voceira.

Así mesmo, a proposición busca unha maior implicación da Xunta na colaboración con este organismo. “O conflito causou máis de 73.000 feridos, os 70 % nenos, nenas e mulleres; así como máis de 9.000 desaparecidos. A poboación palestina en Gaza necesita unha resposta urxente ante a grave fame negra que sofre. Ao redor do 80 % da poboación con máis fame do mundo vive actualmente na Franxa de Gaza, onde o 16% dos menores de dous anos sofre desnutrición aguda”, proeseguiu a edila.

Neste tempo morreron tamén máis de 150 traballadores da ONU, máis que en ningún outro conflito asistido por Nacións Unidas desde a súa fundación. Igualmente, nestes cinco meses de contenda, foron tamén asasinados case un centenar de xornalistas. “É unha situación que se encamiña á destrución total da zona. Por iso consideramos importante que desde esta Administración local se resplade institucionalmente o labor desta axencia como garantía de que a axuda humanitaria chege ás persoas damnificadas”, concluíu.