Skip to main content
Folgoso do Courel

O PP esixe á Deputación que coloque sinais de advertencia na estrada LU-P-1305 en Folgoso do Courel

O PP provincial urxe a “tomar medidas urxentes” na marxe da LU-P-1305 sobre unha ponte en Folgoso do Courel porque “está caendo sobre o río”.

Así, explican que “o mantemento das estradas provinciais é unha das asignaturas pendentes do goberno provincial que preside José Tomé”, apunta Antonio Ameijide, portavoz do Grupo Provincial Popular, que explica que “son moitas as queixas de veciños e veciñas que nos trasladan os alcaldes e portavoces polo mal estado que presenta o firme das vías que son titularidade da Deputación”.

Durante unha visita ao municipio de Folgoso do Courel, acompañado pola alcaldesa, Lola Castro; a viceportavoz provincial, Carmen José López; e o deputado e alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, Antonio Ameijide puido comprobar a necesidade de intervir na ponte sobre a LU-P1305; xa que “a marxe da estrada está caendo coincidindo co interior dunha curva que da ao río”.

Polo tanto, “é necesario tomar medidas de forma inmediata para garantir a seguridade e evitar accidentes, ademais de previr que o seu estado vaia a peor”.

O Grupo Provincial Popular esixe, polo tanto, que a Deputación de Lugo coloque sinais de advertencia do perigo e estude as intervencións que sexa necesario levar a cabo e, no menor espazo posible de tempo, leve a cabo as melloras que os técnicos determinen.

Os populares advirten do “penoso estado” do firme das distintas estradas da rede da Deputación ao seu paso polo municipio de Folgoso do Courel (coma a LU-P-4701, a LU-P-1303, a LU-P-1304 ou a LU-P-1306) que pode supoñer un perigo para os condutores e usuarios que merecen que “as vías de comunicación se atopen no mellor estado de conservación posible para facilitar os seus desprazamentos no día a día deste municipio”.

Os populares tamén esixen ao goberno provincial levar a cabo os trámites necesarios para acometer as obras de arranxo dos primeiros quilómetros da vía LU-P-1301, que comunica Pedrafita do Cebreiro e Folgoso do Courel, xa que constitúe “a principal conexión do municipio coa A-6”.