Quiroga organiza diversas actividades para celebrar o Día das Letras Galegas

RibeiraSacraXa

Con motivo da celebración das Letras Galegas, o Concello de Quiroga ten organizados diversos actos, como un certame de narración e debuxo, unha viaxe a Santiago para ver unha obra de teatro do Centro Dramático Galego e unha representación teatral no Auditorio Municipal.

7 may 2024

Con motivo da celebración das Letras Galegas, o Concello de Quiroga ten organizados diversos actos, como un certame de narración e debuxo, unha viaxe a Santiago para ver unha obra de teatro do Centro Dramático Galego e unha representación teatral no Auditorio Municipal.

No referente ao certame de narración e debuxo infantil Letras Galegas, este está convocado pola Biblioteca Pública Municipal de Quiroga na súa fase local. Neste certame poden participar todos os nenos e nenas que o desexen con narracións en galego ou debuxos sobre o tema 'Ler para pensar, pensar para ser libres'. Cada autor poderá presentar cantos traballos desexe.

No caso da narración, deberá ser dunha extensión máxima dun folio por unha soa cara, mecanografados, escritos a computador ou a man; neste último caso sempre en bolígrafo e nunca a lapis. E no caso dos debuxos deberán estar feitos sobre cartolina de tamaño aproximado de DIN A4. Con cada traballo, acompañarase unha folla co nome e demais datos do autor en letra maiúscula. Os traballos deben entregarse na Biblioteca Municipal antes do 14 de maio.

Establécense tres categorías: A, ata 8 anos, B de 9 a 11 anos, C, de 12 a 16 anos. O xurado, formado por persoas entendidos na materia, seleccionará por cada modalidade e categoría un máximo de tres traballos. O fallo farase público antes do Día das Letras Galegas. Os premios consistirán en lotes de libros e diploma.

Os traballos premiados nesta fase local participarán na fase provincial do Certame, convocado pola Biblioteca Pública Provincial de Lugo, co patrocinio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.

Outro dos actos programados con motivo da celebración das Letras Galegas é unha viaxe a Santiago para asistir á representación da última produción do Centro Dramático Galego 'Os actos e as profecías', a gran produción central do Centro Dramático Galego deste ano, unha comedia que inventa un universo ao redor dos talent show.

Conta cun elenco de 20 actores e actrices baixo dirección de Tamara Canosa, acompañada na dramaturxia por Xacio Baño. A obra, que se estreaba no pasado 11 de abril, estará en cartel ata o vindeiro 26 de maio, e durante este mes e medio o Centro Dramático habilitará un autobús dende os distintos puntos de Galicia para poder asistir.

Os veciños de Quiroga que desexen asistir, poderán subirse ao autobús o xoves 16 de maio e o autobús partirá ás 15 horas da tarde dende a Casa da Cultura, para poder chegar a función que comezará ás 18.00 horas. A actividade ten un custe total de 3 euros, e os interesados, por contar con prazas limitadas, deben anotarse canto antes na Casa da Cultura a través do 982.43.51.25 ou do correo electrónico cultura.quiroga.quiroga@eidolocal.es.

A derradeira das actividade programadas con motivo das Letras Galegas terá lugar o propio día da celebración, o venres 17 de maio. Trátase da representación teatral a cargo da compañía Tarabela Creativa 'Boa sorte, mala fama'. Esta obra, que se poderá ver no Auditorio Municipal a partir 20.00 horas, está organizada pola área de Normalización Lingüística, co patrocinio da área de Cultura Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial.