Louband, Union Phenosa, Bicoia e Fuego Street Band actuarán no II Festival de Charangas de Chantada

RibeiraSacraXa

Chantada acolle o 11 de maio o II Festival de Charangas, que comezará ás 12.

9 may 2024

Chantada acolle o 11 de maio o II Festival de Charangas, que comezará ás 12.30 horas co concerto de André Phmollo na rúa Leonardo Rodríguez para animar a sesión vermú.

Xa pola tarde desde as 19.00 horas actuarán polas rúas da vila as charangas participantes para rematar ás 23.00 horas con concerto de todas as formación na Praza do Pavillón Municipal.

O concelleiro de Cultura, Manuel Diéguez, destaca a intención de manter esta celebración aumentando cada ano o número de charangas que acoden a Chantada e non descartan no futuro manter a celebración en maio para garantir a boa climatoloxía.

“O Festival xorde de conversas coa charanga local que propuxo este tipo de actividade. Comezamos o ano pasado e resultou moi ben, daquela foron 3 charangas, este ano contamos con catro das mellores charangas de Galicia nos seus diferentes estilos, e nos vindeiros anos seguiremos aumentando, buscando sempre as mellores propostas para dinamizar a vida cultural de Chantada e ofrecer alternativas festivas para maiores e mocidade”.

Este ano, as charangas que amenizarán Chantada son Louband, Union Phenosa, Bicoia e Fuego Street Band. Louband comezará o seu pasacalles na Avenida de Monforte, á altura dos centros de ensino; Bicoia farao desde a Praza do Pavillón Municipal incluíndo cara o final do percorrido espectáculos de baile; e Fuego Street Band dará comezo á súa actuación na rúa Ribeira Sacra.

Xa pola noite, na Praza do Pavillón Municipal comezarase con Fuego Street Band e cara as 3.00 horas Unión Phenosa iniciará o peche de festa.

“O Festival que celebramos o ano pasado foi marabilloso. Co Festival amenízase a ruta do bares e dáselle vida á hostalaría e aos negocios, ademais de ampliar a oferta festiva e nocturna da mocidade con alternativas que tamén farán que os maiores boten máis dunha peza”, conclúe Manuel Diéguez.