O novo manto da Virxe dos Remedios da Ermida de Quiroga está sendo elaborado en Málaga

RibeiraSacraXa

A Virxe dos Remedios da Ermida lucirá na súa coroación canónica un novo manto que é obra do taller malagueño de bordados artesanais Manuel Mendoza, seguindo o deseño do tamén malagueño Salvador Aguilar.

manto virxe da Ermiga Quiroga
manto virxe da Ermiga Quiroga
1 may 2024

A Virxe dos Remedios da Ermida lucirá na súa coroación canónica un novo manto que é obra do taller malagueño de bordados artesanais Manuel Mendoza, seguindo o deseño do tamén malagueño Salvador Aguilar.

O manto, bordado en ouro, terá unhas medidas de 50 centímetros de boca por cada lado, estará baseado en bordados acorde á época da imaxe, do século XV, cunha greca en forma de oito por todo o perímetro das vistas, e estará salpicado por pequenas flores e estreliñas.

Os materiais que se empregarán son todos de primeira calidade, incluíndo ouro fino, utilizando as técnicas máis depuradas do bordado, características deste taller.

O taller onde se está a elaborar

A veciñanza quiroguesa fixouse na cidade de Málaga á hora de buscar un taller que confeccionase o novo manto, por ser punteira na arte do bordado, e herdeira dunha longa tradición que se remonta ata o século XVI.

O taller, fundado por Manuel Mendoza Ordóñez, comeza a súa andaina no ano 1981, contando xa cunha interesante traxectoria iniciada na década dos 70 no convento das monxas de San Carlos, onde acudía a aprender as técnicas de bordado que posteriormente evolucionaría.

En 1985, incorpórase ao taller Salvador Aguilar San Miguel como deseñador de cabeceira, que se iniciou en Belas Artes na escola de Artes aplicadas e oficios.

A fama e a traxectoria destes artistas, merecida pola calidade dos seus traballos, leváronos a participar en exposicións en diversos puntos da xeografía española e en importantes mostras internacionais, como a exposición Agulla e ouro celebrada en Roma en 2005.