Dúas mulleres de Vilalba cumpren 104 e 102 anos no Asilo

TerraChaXa

Esta semana a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, pasou de novo polo Hospital Asilo de Vilalba para facer unha nova visita a dúas centenarias que recentemente celebraron o seu aniversario: Consuelo Rodríguez, de 102 anos e Nicasia Criado, de 104.

consuelo e nicasia centenerias
consuelo e nicasia centenerias
2 may 2024

Esta semana a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, pasou de novo polo Hospital Asilo de Vilalba para facer unha nova visita a dúas centenarias que recentemente celebraron o seu aniversario: Consuelo Rodríguez, de 102 anos e Nicasia Criado, de 104.

Consuelo, que xa celebrou o seu aniversario co persoal do Hospital Asilo, recibiu nesta ocasión a visita da rexedora vilalbesa acompañada do concelleiro de Participación Colectiva, Ignacio Criado. Ámbolos dous representantes da corporación municipal intercambiaron unha agradábel conversa con Consuelo, que ademais foi agasallada cun ramo de flores.

Do mesmo xeito, tamén Nicasia Criado recibiu o correspondente agasallo floral por parte da alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, para felicitala polo seu 104 aniversario, que acaba de convertela na persoa máis lonxeva do concello de Vilalba. Ao tempo que recibía a visita de Marta Rouco e Ignacio Criado, Nicasia celebraba rodeada dos seus unha cifra que non todo o mundo ten o pracer e a afouteza para acadar.

"É moi sorprendente o bo estado de saúde no que se atopan e ilusióname moito poder manter unha conversa con elas, coñecelas e que me conten un pouquiño da súa historia de vida", sinalou a rexedora, Marta Rouco, ao tempo que confesou que "durante un tempo rematan as miñas visitas para felicitacións ao Hospital Asilo, xa que a meirande parte de centenarios condensábanse nos pasados meses de marzo e abril".

Non obstante, as visitas e os agasallos para os centenarios seguirán presentes na axenda da alcaldesa de Vilalba nos vindeiros días, coincidindo na semana que vén a celebración do 100 aniversario de dúas mulleres vilalbesas.