O Parador de Santo Estevo acolle a novena Romaría Internacional de ABANCA

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou este na novena edición da Romaría Internacional de ABANCA, celebrada no Parador de Santo Estevo, no corazón da Ribeira Sacra. Alí puxo en valor o papel da entidade financeira como “socio estratéxico da Xunta de Galicia” e defendeu a imaxe dunha comunidade “que segue ofrecendo certezas nun contexto de incerteza e crispación crecente”.
Durante a súa intervención, Rueda destacou o acerto de escoller a Ribeira Sacra como escenario do encontro, lembrando que “Galicia confía en que a Ribeira Sacra sexa declarada este ano Patrimonio da Humanidade, con todo o que iso supón de potencial turístico, de imaxe de Galicia no mundo e de reflexo do que queremos proxectar”.
O presidente galego subliñou a necesidade de contar con entidades “potentes, estables e con músculo financeiro” que cooperen coa Administración pública en proxectos estratéxicos. Nese sentido, agradeceu “o compromiso continuado de ABANCA” e ofreceu colaboración para seguir avanzando en iniciativas comúns.
Rueda aproveitou tamén para facer balance da situación actual da comunidade, defendendo que, malia os tempos complexos, “Galicia segue sendo esa illa de estabilidade da que tanto presumimos, cun bo ano económico, exportando, atraendo empresas e ofrecendo un clima de confianza e diálogo”.
Nun momento no que alertou sobre o crecemento dos discursos de rexeitamento, reivindicou unha Galicia aberta, integradora e orgullosa da súa historia migratoria. “Moitos galegos tiveron que emigrar en tempos difíciles, e foron ben acollidos porque traballaban e contribuían. Ese é o modelo que defendemos: unha Galicia de brazos abertos, con orde e respecto á lei, onde quen vén sumar é ben recibido”, asegurou.
A poucos meses dun novo Xacobeo e cun turismo en cifras históricas, Rueda concluíu a súa intervención cunha mensaxe para os galegos do exterior asistentes á Romaría: “Aquí tedes un fogar que vos recibe con gratitude. Grazas por seguir levando Galicia por todo o mundo”.