Skip to main content
Uncategorized @gl

A anos luz, por Juan Carlos Piñeiro Docampo

Por 5 Outubro, 2017Sin comentarios

No mes xuño, no marco dunha reunión de traballo co Partido Socialista de Portugal, na Assembleia da República en Lisboa tiven a sorte de partillar sobre socialdemocracia, recuperación e Europa co Deputado socialista do P.S. Paulo Pisco. É de recibo recoñecer a labor do P.S. na forte recuperación de Portugal tanto no económico como no social, neste eido están a anos luz do Estado español. O goberno Portugués é a mostra de que se pode recuperar unha economía sen ter que xogar coa dignidade da xente, sen ter que castigar a clase media traballadora. Aplicando medidas socialdemócratas de verdade, axustando tamén moitas cousas con sacrificio pero sen pisar a ninguén, tamén nisto están a anos luz.

Concordo co deputado Pisco na súa valoración da socialdemocracia europea, son os últimos mohicanos dixo, e as recentes eleccións autárquicas así o reflicten: o P.S. ten o 37,8% do votos e 952 mandatos, moi lonxe do 16,1% e 493 mandatos do P.S.D. Resultados que xa quixeran moitos partidos da Internacional Socialista e moi especialmente o PSOE. Pero isto non é por sorte nin por capricho dos irmáns de Portugal, responde a unha cultura política seria do PS que afrontou a crise sen mentiras, sen brotes verdes, sen promesas. Chegando a perder o poder e traballando dende a base, para voltar con forza e dignidade para a clase traballadora portuguesa.

A xente sempre acredita na forza e na firmeza dos ideais e no cumprimento da palabra dada. Está é, a garantía da que gozan os socialdemócratas de Portugal, xa quixera o PSOE esta firmeza: “No es no” pero agora “No pero si” o “no pero bueno” “brotes verdes” … a anos luz.

En Galicia, formacións políticas e tamén frontes de Partidos: BNG e En Marea, meten no seu discurso que a recuperación de Portugal é froito da presión do Bloco de Esquerdas, tentando menosprezar o traballo dos amigos do P.S. e tentando traer para o seu espello a recuperación portuguesa: que interesados. Mais parece que en Portugal teñen claro quen está a traballar pola dignidade da xente. O B.E. tivo o respaldo do 3,3% da poboación e 12 mandatos, convén sabelo. Non tiveron moito predicamento os Alcaldes estrela da Marea en Braga no acto do Bloco de Esquerdas, coido que os portugueses son máis de feitos e accións que de slogans. Tamén convén sabelo vailles mellor así.

Parabéns pois o P.S. tanto polo seu resultado como tamén pola súa visión e medidas para recuperar a dignidade da xente, actuando con firmeza con camiño e con accións claras da política digna, sen venderse ó capital e a dereita como moitos partidos socialistas e socialdemócratas de Europa. Nós seguiremos traballando co PS para mellorar Galicia.

Juan Carlos Piñeiro Docampo
Sº Xeral de CxG.