Skip to main content
Uncategorized @gl

A Casa-Museo Manuel María convoca concurso escolares de recitado e videopoemas

Por 12 Decembro, 2017Sin comentarios

A Casa-Museo Manuel María vén de convocar a IV edición do Concurso de recitado poético “Rosalía sempre viva”e a II edición do Concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María, que celebrarán a súa fase final o 10 de marzo e o 19 de maio de 2018, respectivamente.

O primeiro dos certames, “Rosalía sempre viva”, está dirixido a todo o alumnado galego de ensino non universitario, desde Primaria a Bacharelato, e está centrado no recitado de versos da obra en galego de Rosalía ou da ampla produción poética de Manuel María.

O obxectivo do concurso é potenciar a expresión oral e a creatividade do alumnado a través do coñecemento e o recitado da poesía de dúas das voces máis importantes e populares da nosa literatura. Así, os traballos gañadores da pasada edición pódense ver no portal web da Casa-Museo.

Na pasada edición, máis dun centenar de rapazas e rapaces procedentes de toda a xeografía galega participaron na fase final de Outeiro de Rei após pasaren unha fase previa desenvolvida nos centros educativos inscritos previamente no concurso.

Concurso de videopoemas
A Casa-Museo convoca, así mesmo, a II edición do certame de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María despois do éxito obtido o pasado ano con máis de setenta vídeos presentados por mozas e mozos de distintos centros educativos da Galiza.

O concurso dirixido ao alumnado galego non universitario que curse a ESO, Bacharelato, Ciclos Formativos e Ensinanzas Artísticas ten por finalidade a potenciación da creatividade artística, a través da conxunción da palabra, o son e a imaxe, e o coñecemento e difusión da obra destes vultos da literatura galega.

Igualmente, os vídeos gañadores da pasada edición pódense ver na web da Casa-Museo.