En marcha unha nova edición do programa Cervo ao carón do voluntariado

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O Concello de Cervo, a través das delegacións de Xuventude e Educación, xa ten en marcha a cuarta edición do programa Cervo ao Carón do Voluntariado, dirixido á mocidade de entre 14 e 30 anos, no que participan 6 rapaces do municipio.
IMG_0391
IMG_0391
3 sep 2020

O Concello de Cervo, a través das delegacións de Xuventude e Educación, xa ten en marcha a cuarta edición do programa Cervo ao Carón do Voluntariado, dirixido á mocidade de entre 14 e 30 anos, no que participan 6 rapaces do municipio.

O obxectivo xeral deste proxecto de voluntariado xuvenil é poñer en práctica a implicación solidaria e o compromiso activo da comunidade moza coa sociedade, a través do desenvolvemento cultural e social.

Esta mesma mañá, a rapazada, acompañada das edís de Servizos Sociais, Pilar Armada, de Xuventude, Denís Galán e de Educación, Dolores García Caramés, desenvolveu unha das actividades incluídas no programa: a instalación dun Punto Lila de concienciación apoio e información sobre a violencia de xénero; para incidir na sensibilización e na implicación da sociedade ante esta lacra.

No posto repartiron chapas, broches e chaveiros artesanais individuais elaborados polos propios integrantes do grupo de voluntariado, que levaban impreso o teléfono gratuíto 016 (servizo telefónico de información e atención a vítimas de malos tratos por violencia de xénero).

Entre as actividades que se levarán a cabo nas vindeiras xornadas, e que se suman ás desenvolvidas xa no mes de agosto, está a de brindar apoio tamén nas Xornadas Medioambientais que se irán desenvolvendo desde esta área municipal ou un obradoiro específico de creación de xogos, actividades e outras dinámicas dirixidas ás diferentes franxas de idade.

Tal e como explican as edís responsables da acción, cremos que o voluntariado proporciona unha educación en valores como a xustiza, a igualdade e o respecto e permite á mocidade coñecer e participar en actividades de interese xeral coa sociedade civil, axudando á transformación social e xerando redes de solidariedade. Todo isto ademais de potenciar o enriquecemento persoal, vailles axudar a consecución duns obxectivos concretos que teñen que ver coa adquisición de habilidades, competencias e destrezas que poden axudar a mellorar tamén a súa empregabilidade; ao tempo que fan unha labor sociocultural de gran valor para o conxunto da sociedade.