Viveiro impulsa a promoción do Camiño do Mar e pide a súa oficialización

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O Concello de Viveiro, a través da Concellaría de Turismo, leva tempo traballando para dinamizar e promocionar o Camiño do Mar, co obxectivo de conseguir a súa oficialización, ao entender que esta declaración e o recoñecemento desta ruta suporía un novo recurso turístico e cultural para este concello.
Captura de pantalla 2019 06 06 a la(s) 09.55.30
Captura de pantalla 2019 06 06 a la(s) 09.55.30
13 sep 2020

O Concello de Viveiro, a través da Concellaría de Turismo, leva tempo traballando para dinamizar e promocionar o Camiño do Mar, co obxectivo de conseguir a súa oficialización, ao entender que esta declaración e o recoñecemento desta ruta suporía un novo recurso turístico e cultural para este concello.

Esta foi unha das primeiras propostas de traballo presentada pola actual concelleira de Turismo, Marisol Rey, que dende o primeiro momento ao cargo desta área, iniciou a búsqueda de información e contactou con outras entidades ou persoas que puideran coñecer do tema e contribuir para este fin.

Nestes últimos anos o concello mantivo varias reunións co xerente do Xacobeo para tratar sobre este asunto; temos solicitada unha nova xuntanza e agora, tendo en conta os cambios na organización do goberno galego, tamén remitirá unha carta ao Vicepresidente Alfonso Rueda, como Conselleiro de Turismo, para plantexarlle esta iniciativa que consideramos fundamental para Viveiro e a comarca.

“Cremos, ademais, que Viveiro debe ser dos poucos concellos, se non é o único, que na súa web oficial de turismo inclúe un apartado concreto dedicado ao Camiño do Mar; ademais, na oficina de turismo estamos recibindo bastantes peticións de información de xente que se interesa sobre esta ruta e isto é, sen lugar a dúbidas, un bo sinal para continuar traballando nesta liña”, afirma a alcaldesa, María Loureiro.

O concello ten constancia de que a Mancomunidade de Municipios da Mariña tamén ten intención de contribuír nesta iniciativa, colaborando na difusión e promoción deste trazado viario de peregrinación na costa norte galega, coñecido como o Camiño do Mar e que cumpre con todas as condicións necesarias para converterse nun camiño de peregrinación.

Este concello está volcado con todos os proxectos que teñan que ver co Xacobeo e, neste caso, non só se apoia e está poñendo en valor o Camiño do Mar, senón que ao mesmo tempo, como é sabido, participa e forma parte do proxecto da ruta marítima ‘Navega el Camino’, que conta co apoio de Viveiro dende a súa primeira edición.

O Concello de Viveiro, aparte de defender o Camiño do Mar, é colaborador deste outro proxecto e de aí a súa implicación en defender as vías xacobeas, non soamente a que discorre por terra, que está sumamente documentada, senón tamén esta ruta xacobea que vai polo mar.

Finalmente, o goberno municipal seguirá insistindo, asesorándose e realizando accións promocionais do Camiño do Mar, co obxectivo final de conseguir a oficialización desta ruta, sobre a que o Parlamento de Galicia xa se pronunciou e que agora está en mans da Xunta de Galicia, tendo en conta que é a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural a encargada de desenvolver os trámites e xestións encamiñadas á oficializar os Camiños de Santiago en Galicia, previo estudo histórico. O concello leva moitos anos interesándose por este tema e continuará na mesma liña para que este proxecto do Camiño do Mar chegue ao seu fin.