Skip to main content
Sober

A rede de miradores de Sober, protagonista dunha campaña municipal para atraer turistas

Por 26 Marzo, 2021Outubro 31st, 2021Sin comentarios

Mirador de Pena do Castelo

O Concello de Sober vén de presentar o proxecto ‘Sober é Qalidade’, co obxecto de promover a rede de miradoiros do municipio, que a finais de 2020 foi distinguida como Espazo Público Singular polo Instituto para a Calidade Turística de España. Só cinco espazos teñen este recoñecemento a nivel nacional.

Desde o goberno local de Sober explican que, co proxecto presentado este venres, búscase “presentar e amosar o turismo de calidade dunha maneira próxima e humana a través  dos profesionais de diferentes sectores que desenvolven a súa actividade no Concello”.

Durante os vindeiros meses, ‘Sober é Qalidade’ situará aos dez miradoiros do municipio como protagonistas, a través da visita de profesionais como traballadores dos establecementos turísticos, restauradores, viticultores, guías ou alfareiros, para dar conta da beleza e singularidade do patrimonio do municipio.

Ademais, a través das súas redes sociais, o Concello irá presentando “unha paisaxe humanizada” a través das súas xentes, ao mesmo tempo que difundirá a oferta turística do municipio co fin de atraer novos visitantes.

ACTIVIDADES PARA TODOS OS PÚBLICOS

O proxecto ‘Sober é Qalidade’ inclúe tamén actividades promocionais dirixidas a todos os públicos. De feito, prevese realizar concertos, cursos de iniciación á fotografía, cursos de pintura ao aire libre, cursos de cata, observación de estrelas e de aves, xornada de lectura interpretada, así como unha xornada de portas abertas á igrexa de San Xoán de Lobios para contemplar os seus murais.

Os nenos e nenas terán o seu espazo nesta programación a través dos cursos de pintura, sesións de contacontos, ou coa visita ás pinturas murais de Lobios, entre outras actividades.

A proposta completarase con publicacións específicas de cada miradoiro, así como cunha guía de rutas turísticas.

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, destaca que, con este proxecto, “imos promocionar os nosos miradoiros, atraer turistas e mellorar a sinalización e accesos, ao mesmo tempo que damos a coñecer a través dos nosos profesionais a enorme oferta cultural, gastronómica e turística que temos en Sober”.