Custodia do territorio organiza un curso o venres e visitas guiadas a fin de semana
A Asociación Galega de Custodia do Territorio ten preparado para este venres, 23 de abril, un novo curso on line sobre o proxecto Reservas Vivas, que ten como obxectivo difundir a custodia do territorio como ferramenta para a participación social na conservación da natureza nas reservas da biosfera, con apoio da Fundación Biodiversidade.
Nesta ocasión falarase das dúas protagonistas do mesmo: a custodia do territorio e as Reservas da biosfera. Ademais presentarán o vídeo do proxecto e contarán cunha intervención de María Sánchez sobre as palabras que constrúen territorio.
O curso arrincará ás 19.00 horas para falar das diferentes experiencias de custodia do territorio para seguir co vídeo divulgativo do proxecto Reservas Vivas de María Sánchez. Finalizarán a sesión cunha mesa redonda sobre acordos que dan vida ás reservas.
O curso está aberto a persoas de calquera procedencia, aínda que as persoas vinculadas coas reservas da biosfera obxectivo do proxecto terán preferencia.
A fin de semana ofrecen tamén a posibilidade de visitar os terreos sobre os que asinaron acordos de custodia durante o proxecto Reservas Vivas, para coñecer as actuacións realizadas e falar cos seus protagonistas.
Entre o sábado e o domingo visitarán cinco acordos nas catro Reservas da biosfera nas que se desenvolve Reservas vivas.
O programa comezará o sábado cunha visita entre as 11-00 e as 14.00 horas ao Ancares Lucenses e montes de Cervantes, Navia e Becerreá da man dde Óscar Rivas. Ao mesmo tempo haberá outra para a Biosfera de Oscos, Eo e Terras de Burón (Negueira de Muñiz) con Roberto Hermida.
O domingo, en horario de mañá tamén visitarase a Biosfera Terras do Miño (con Pol e Meira) con Martiño Cabana e Os Ancares Leoneses en Candín a cargo tamén de Roberto Hermida.
Cada visita se realizará cun grupo máximo de 8 persoas máis guía respectando as medidas anti-covid vixentes.