Skip to main content
Axenda Caducada

Paula Carballeira estará este sábado na Casa-Museo Manuel María

Por 19 Maio, 2021Setembro 11th, 2021Sin comentarios

Paula Carballeira estará este sábado, 22 de maio, na Casa-Museo Manuel María cunha dupla función de narración oral. A primeira, ás 17.30, para crianzas e público familiar a partir de 4 anos, con “Contos para acabar con algún medo”. E a segunda función, ás 19 hrs, para público adulto, leva por título “Mulleres que viven soas”.

Sobre “Contos para acabar con algún medo”, Paula Carballeira dinos que primeiro temos que saber como é o medo: grande ou pequeno, dos que aparecen cando non hai ninguén ao teu carón, dos que lle gustan a escuridade, dos que prefiren dar sustos… Para cada medo hai un remedio, e mesmo hai remedios que valen para todos: a risa, a música, a luz, mirar o medo cara a cara, fronte a fronte, directamente aos ollos. Cando pensamos que perdemos a valentía nalgures, os contos axúdanos a recuperala. Só hai que lembrar o que lles aconteceu ás e aos protagonistas destas historias, non moi lonxe de aqui, non hai moito tempo.

Canto a “Mulleres que viven soas” a contadora, actriz e escritora de Maniños (Fene) introduce a peza sinalando que as mulleres que viven soas son sospeitosas. Sospeitosas de amargura, de escuridade, de intencións ocultas. As mulleres que viven soas son bruxas. E, xa se sabe, as bruxas, coa súa falta de pudor e de límites, coa súa teima de liberdade e de coñecemento, asustan. Nesta sesión de contos, as mulleres que viven soas son as protagonistas. Como na vida, provocarán tenrura, repulsión, admiración ou medo. Son a memoria dalgúns dos nosos temores e das nosas esperanzas.

Imprescindíbel facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698 177 621 e estar dispostos a que alguén nos conte unha historia. O billete para a primeira función é de 2 euros e para a segunda é de 5 euros.