Skip to main content
Axenda Caducada

Novo roteiro o vindeiro domingo

Por 20 Maio, 2021Maio 23rd, 2021Sin comentarios

Este domingo 23 de maio hai unha nova saída dos roteiros organizados pola delegación de Lugo de ADEGA, onde se camiñará dende a Pena Corneira, e se coñecerá o bosque de Ridimoas, en custodia pola asociación que leva o mesmo nome. Farase un percorrido duns 12 Km, con dificultade media-baixa.  

O espazo Serra Corneira está situado nunha zona de transición entre as serras da Dorsal Galega (Faro de Avión e Suído) e o val do Miño. A serra esténdese con dirección NE-SO ao longo de 18  km e está rodeada por varios afluentes do río Avia. Está formada por unha serie de cumes graníticos moi erosionados nos que destacan as formacións de grandes bolos e penedos. A altura máxima é A Xateira (848 m) e o punto máis destacado é Pena Corneira.  

Miles de lendas asócianse a este gran penedo que culmina as montañas de Beade. É o primeiro en ser declarado Monumento Natural en Galicia, pola súa peculiaridade e excepcionalidade. Desde o seu cume poderase apreciar o Avia e o val de Ribadavia.  

Descendo até As Regadas encontrarase a Pablo Oitabem quen fundou o bosque de Ridimoas. Un exemplo excepcional precursor de custodia do territorio. Guiará a través do bosque até a Igrexa de Beade, fermosa mostra de arte románica. Se o tempo o permite acabarase o roteiro nas termas de Prexegueiro que están moi perto de Beade.  

As persoas que estean interesadas en reservar praza, terano que facer a través do formulario de reserva antes das 14:00 do venres anterior ao roteiro. Cubriranse as prazas por orde de inscrición.  

Os roteiros de ADEGA-Lugo están abertos á participación de público de todas as idades aínda que os socios e socias de ADEGA gozarán de desconto no prezo, así como as persoas que están estudando, en situación de desemprego ou os menores de 14 anos.  

A saída do autobús terá lugar ás 8.00 horas da mañá. Este ano, para evitar a aglomeración de persoas, haberá dúas posibles saídas, dende o Edificio de Sindicatos na Ronda da Muralla, 58,  ou fronte á Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, na Avenida de Ramón Ferreiro.  

Os roteiros serán de xornada completa. Recoméndase ás participantes levar roupa e calzado axeitados e viandas para o camiño. Toda a información en https://roteirosadegalugo.wordpress.com/, chamando ao teléfono 982  240299, ou escribindo a adegalugo@adega.gal.