Volven abrir os centros cívicos de Lugo

LugoXa
A partir deste próximo fin de semana, os centros cívicos de Lugo volverán abrir, recuperando así o papel de espazos de socialización.
centro social maruja mallo
centro social maruja mallo
13 may 2021

A partir deste próximo fin de semana, os centros cívicos da cidade volverán abrir ao público, recuperando así o seu papel como espazos públicos de socialización. 

A decisión, segundo sinalou a edil de Benestar, Olga López, obedece á suspensión do Estado de Alarma e á evolución que está a seguir a pandemia na cidade, “o que nos permite poñer a disposición das persoas usuarias as instalacións municipais con todas as garantías sanitarias”. 

López Racamonde incidiu na importancia de manter, igualmente, todas medidas e protocolos xa coñecidos para previr a propagación dos contaxios. 

“Dende este fin de semana a veciñanza pode regresar de novo aos centros e facer uso das súas dependencias como salas de lectura, xogos ou obradoiros, mais é preciso lembrar que non podemos baixar a garda e cómpre manter as precaucións e respectar as recomendacións establecidas polas autoridades sanitarias para conter o virus, como facer uso da máscara, controlar o aforo ou manter a distancia social”. 

O Concello de Lugo conta sete centros cívicos ubicados en distintos puntos da capital (Milagrosa, Fingoi, Lamas de Prado, María Balteira, Maruja Mallo, Sagrado Corazón, e Uxío Novoneyra) cos que o Goberno de Lara Méndez quere propiciar unha convivencia interxeracional entre as persoas que residen na mesma contorna urbana e cos que tamén pretende achegar as prestacións públicas que dependen da administración local ao conxunto da sociedade lucense, fomentando a igualdade de oportunidades e dereitos en toda a cidade.