Dous colexios lucenses participarán na iniciativa Falamos Xogando

LugoXa
Mañá, venres 14, os colexios CEIP Albeiros e Centro Educativo Galén participarán na iniciativa Falamos Xogando.
ENKI
ENKI
13 may 2021

Mañá, venres 14, os colexios CEIP Albeiros e Centro Educativo Galén participarán na iniciativa Falamos Xogando, na que buscarán achegar aos máis pequenos á realidade das persoas con diversidade funcional dunha maneira amena e distendida. Esta é unha iniciativa de Proyecto ENKI e ten a intención de normalizar a través do xogo e de actividades que os nenos e nenas destas idades tomen como un entretemento. Así, co obxectivo de que coñezan a experiencia real na vida diaria da diversidade funcional e se acheguen a un tipo de comunicación descoñecida para eles, como é a lingua de signos e o alfabeto braille, ENKI organiza unhas xornadas de sensibilización que chegarán a uns 2000 alumnos de 20 centros educativos das catro provincias galegas.

Dentro desta proposta, durante este mes de maio terán lugar varios encontros virtuais, xa que as medidas anti covid non fan recomendable a modalidade presencial. A través da pantalla e dende os seus colexios, máis de 100 alumnos de Primaria por centro poderán escoitar varios testemuños e participar activamente para resolver as súas dúbidas e curiosidades.

Mañá está previsto que a conexión comece ás 10:30 horas da mañá e dure aproximandamente unha hora, coa presenza de varios relatores que serán: Ángel López (presidente da Fundación Abrente e deportista en probas de triatlón), Javier Sánchez (educador) e Antonio Cid (pedagogo), entre outros.

Elaboración do alfabeto braille e mural coa Lingua de Signos

As accións destas xornadas de sensibilización Falamos Xogando non quedarán nos encontros virtuais. Dende ENKI tamén está en marcha un proxecto para que os nenos e  nenas de Primaria poidan traballar ao redor do sistema braille nos seus centros, construíndo o seu propio alfabeto con material reciclable, unha proposta da artista Blanca  Escrigas. Para este exercicio xa recibiron as instrucións precisas por parte da organización e xa teñen iniciado unha recollida de tapóns como actividade escolar de sustentabilidade.

O alfabeto braille quedará plasmado nunha parede que cada colexio elixa nas súas instalacións. Tamén quedará inmortalizada nun dos muros do patio de cada centro a lingua de signos. Trátase dun mural que será realizado tamén baixo a dirección artística de Blanca Escrigas e co que os nenos e nenas poderán interactuar na súa rutina escolar.

Ángel López, presidente da Fundación Abrente, xa ten experiencia en charlas cos cativos, dos que di “son coma esponxas, hoxe en día falan varios idiomas e para eles o braille ou a lingua de signos é un máis”. Por iso aproveitan esa receptividade para que “alomenos normalicen que hai persoas que se comunican así”.