O Concello de Lugo pretende dar impulso á inspección tributaria

LugoXa
O goberno de Lugo impulsa a contratación dunha asistencia técnica para incrementar o control sobre as actividades económicas do municipio.
paula alvarellos lara mendez
paula alvarellos lara mendez
18 may 2021

Co obxectivo de acadar a igualdade e a progresividade fiscal, o goberno de Lara Méndez pretende darlle impulso á inspección tributaria coa contratación dunha colaboración que axude aos servizos municipais nas tarefas de vixilancia, aumentando o seu rendemento e facendo aflorar a economía mergullada, combatendo a fraude. 

Un aspecto fundamental – segundo sinalou a alcaldesa - “que no contexto social no que nos atopamos ten máis transcendencia ca nunca, en tanto o cobro dos impostos municipais supón o 60% dos nosos ingresos e o sustento fundamental co que debemos afrontar a recuperación do municipio nunha etapa de gran incerteza económica na que – lembrou – habilitamos diferentes axudas para os sectores máis afectados pola pandemia pero todas con recursos propios xa que, en todo este tempo, non recibimos nin un só euro doutras administracións para paliar as consecuencias da Covid”. 

“Trátase pois, dunha cuestión de subsistencia financeira pero tamén de xustiza fiscal, velar porque as grandes empresas tributen, verdadeiramente, polos ingresos que perciben. Unha competencia recollida nas Ordenanzas locais e que pretendemos exercer con eficacia dotándonos daqueles recursos que están á nosa disposición e que permitirán que todas e todos, cidadanía e tamén tecido produtivo, contribuïamos, na medida que nos corresponde, a saír reforzados da crise que nos afecta” . 

Deste xeito, a Xunta de Goberno Local validará este mércores os pregos elaborados pola área de Tesourería para habilitar unha asistencia técnica, material e informática en materia de inspección tributaria municipal que desenvolverá tarefas de apoio nos procedementos de xestión, sanción, resolución de recursos e na notificación levados a cabo polo Concello. 

A concelleira Paula Alvarellos abondou que, entre as tarefas que deberá asumir a empresa adxudicataria, figura tamén a asistencia na confección do Plan de Inspección dos diferentes tributos dos que se nutren as arcas locais, así como a xeración do ficheiro de intercambio da información censal coa Axencia Estatal da Administración Tributaria correspondente ao IAE, “dando cobertura, de maneira global, a todos os feitos impositivos que se constitúen como base de ingresos de dereito público que nos atinxe recadar”. 

“O contrato terá unha duración de tres anos, prorrogables en períodos anuais por outros dous até un máximo de cinco, nos que a empresa deberá, ademais, aportar o seu propio equipo de recursos humanos integrado, como mínimo, por un xefe ou delegado responsable, un técnico e un auxiliar administrativo así como aportar o local onde desenvolverán as súas funcións”, indicou Paula Alvarellos.

A responsable da área económica cuantificou que a licitación terá un custo de 282.000 euros anuais, “aínda que o servizo prestado terá unha remuneración variable en función da débeda tributaria cobrada, que se prevé liquidar e que se sitúa en torno aos 3,5 millóns de euros. 

Apertura do procedemento de contratación para a xestión recadatoria municipal en período executivo

Nesa mesma liña, a concelleira de Gobernanza adiantou, tamén, que na sesión desta semana o executivo local aprobará a apertura do procedemento de contratación para a xestión recadatoria municipal en período executivo, así como a xestión das multas de tráfico e das sancións derivadas do incumprimento das medidas de prevención e contención da crise sanitaria, logo de recaer esta función - a criterio do Consello Consultivo de Galicia e en contra dos informes da Avogacía do Estado - nas entidades locais. 

Esta adxudicación terá unha duración de cinco anos, improrrogables, para colaborar cos servizos municipais na comprobación de documentos, na elaboración, control e seguimento de expedientes e do pago da débeda en todas as fases de xestión do proceso de recadación executiva e de recadación de multas. 

Cun importe anual de 1’3 millóns de euros, este contrato permitirá ao Concello recadar até un 70% máis do que implica o seu custo.