XuvenCiencia completa o aforo en minutos

LugoXa
O grupo docente de XuvenCiencia publica na web as persoas admitidas e a listaxe de agarda para o campamento do 28 de xuño ao 2 de xullo
xuvenciencia
xuvenciencia
19 may 2021

A novena edición do Campus de Verán XuvenCiencia, un programa de convivencia e divulgación científica promovido polo grupo de innovación docente do Campus de Lugo XuvenCiencia e que se celebrará de xeito presencial do 28 de xuño ao 2 de xullo na sede universitaria luguesa, cubriu en apenas minutos o número de prazas ofertadas. Mercedes Novo adiantou asemade que a listaxe de estudantes preuniversitarios admitidos para tomar parte no campus científico e tecnolóxico, polo que se interesaron máis dun centenar de persoas, xa se pode consultar desde a web.

Unha vez publicadas a primeira listaxe de admitidos, as persoas incluídas poden formalizar xa a súa matrícula a través da web de XuvenCiencia ata o vindeiro domingo 23 de maio. Unha vez expirado este primeiro prazo de inscrición e en caso de quedar algunha vacante sen cubrir, os organizadores deste campus de verán sorteará ao día seguinte entre os estudantes da listaxe de agarda as prazas aínda dispoñibles.

Esta nova edición do Campus de Verán XuvenCiencia  é máis reducida para poder atender os protocolos contra a Covid, pero tales condicionantes non impiden a inclusión de diversas novidades respecto de convocatorias anteriores. De feito, cómpre lembrar que nesta nova quenda de XuvenCiencia, a primeira de carácter presencial trala pandemia, atendeuse a orde de pre inscrición para a metade das 65 prazas ofertadas, mentres que se sorteou a outra metade entre todas e todas as solicitudes, a fin de ampliar así o abano de posibilidades.

A diferencia doutras edicións, os participantes no Campus de Verán XuvenCiencia traballarán en grupos burbulla, con 5 ou 6 estudantes implicados en cada un dos proxectos e obradoiros programados, a fin de garantir as condicións de seguridade, subliñou Novo. A coordinadora de XuvenCiencia lembrou asemade que o alumnado poderá así escoller entre dez proxectos e un obradoiro de medios de comunicación. Asemade, o programa propón actividades que serán para o conxunto das/os participantes, como un roteiro cultural e medioambiental pola contorna de Lugo, a través do Camiño Primitivo e os ríos Miño e Rato. A esta oferta súmanse obradoiros de tarde para a representación gráfica de datos e a elaboración de vídeos de divulgación científica e de YouTube, que despois participarán en concurso no Festival de Vídeos XuvenCiencia. Haberá, ademais dalgunha sorpresa, charlas divulgativas e unha auténtica Feira de Ciencia no Campus de Lugo.

O Campus XuvenCiencia 2021 ofértase en réxime de aloxamento e pensión completa en residencias e comedores universitarios do Campus de Lugo. O estudantado estará acompañado en todo momento por monitorado cualificado e para os seráns e as noitiñas está previsto o programa Lumieira Acompaña. As entradas e saídas dos e das alumnas realizaranse o domingo 27 de xuño e o sábado 3 de xullo.