Habilitan novos aparcabicis no aparcadoiro do Seminario Menor

LugoXa
Ademais dos aparcabicis, habilitáronse prazas para mobilidade reducida no aparcadoiro, que é público durante as tardes e as fins de semana.
aparcadoiros seminario lugo
aparcadoiros seminario lugo
29 jun 2021

A Concellería de Infraestruturas continúa a ampliar o número de aparcabicis colocados na cidade coa instalación de novas prazas no aparcadoiro municipal do Seminario Menor. O concelleiro responsábel, Alexandre Penas, explicou que “seguimos aumentando a cantidade de aparcabicis instalados para facilitar que a veciñanza use a bicicleta en lugar do vehículo privado”.

Ademais de novos aparcabicis, habilitáronse neste aparcadoiro novas prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida. O aparcadoiro pode utilizarse de xeito gratuíto por toda a veciñanza durante as tardes pola semana, e durante todo o día as fins de semana e os festivos.

Durante este ano, a concellería de Infraestruturas colocou tamén unha serie de aparcabicis na contorna do Colexio Cervantes, en Paradai, Fontiñas, na prazas do Castiñeiro e Agro do Rolo e na rúa Bispo Aguirre. Segundo Alexandre Penas, "esta acción da un paso máis no novo modelo de mobilidade que se está a implantar en Lugo, con menos coches nas rúas, e cun maior uso do transporte público e da bicicleta".