Skip to main content
Uncategorized @gl

Diminúen os contaxios pero os casos activos aumentan pola falta de altas

Por 11 Xullo, 2021Sin comentarios

Os casos activos seguen subindo malia que os contaxios novos decaen. Este débese de novo ao descenso do número de altas. Así, hoxe hai 447 en toda a provincia, 33 máis que onte, cando o aumento a xornada anterior foi de 19. Diagnosticaron nas últimas 24 horas 46 casos novos (onte foron 55 e o día anterior 62), e as altas chegaron ás 12.966 (8 nun día), o día anterior foron 35.

Dende que comezou a pandemia, no mes de marzo do pasado ano, hai 13.635 casos rexistrados e 217 persoas falecidas.

A presión hospitalaria mantense en 6 persoas ingresadas. No Hula hai 1 na UCI e 4 en planta; ademais dun hospitalizado na Mariña.

O Comité clínico pola súa banda mantén a Sarria en alerta alta, o único concello con restricións.

POR COMARCAS

O gromo causado nunha voda en Castro de Rei, Meira e A Pastoriza volve dar novos positivos cos tres concellos en niveis de alerta. Lugo tamén está en situación de risco á que se suma Friol. Lourenzá e Carballado seguen con niveis altos de incidencia pero mellora en Triascastela.

A Mariña

  • Viveiro suma 1 caso máis e xa son 12, aínda coa incidencia moi baixa.
  • Lourenzá segue coa incidencia moi alta malia non chegar a 10 contaxiados.
  • Con algún caso activo e baixa incidencia están Foz, Ribadeo, Cervo, Xove, Riotorto e Mondoñedo. Súmase Burela, que levaba 15 días sen casos novos.
  • O Vicedo e A Pontenova fai unha semana que non teñen contaxios novos.
  • Sen casos novos máis de 15 días están Ourol, Barreiros, O Valadouro, Alfoz e Trabada.

Terra Chá

  • Cospeito, Vilalba, As Pontes, Begonte, Outeiro de Rei e Pol teñen casos pero con baixa incidencia. Únese Guitiriz.
  • Castro de Rei con 18 casos (2 máis), e Meira, A Pastoriza e Friol con menos de dez teñen a incidencia moi alta.
  • Rábade leva unha semana sen casos novos.
  • Sen positivos dende hai máis de quince días están: Muras, Xermade, Abadín.

Centro da provincia

  • Os casos en Lugo seguen crecendo sen control ata 186 (15 máis), xa en niveis de alerta.
  • Portomarín, Guntín, O Corgo, Palas, Antas de Ulla, As Nogais, Becerreá, Monterroso e Castroverde teñen positivos pero con baixa incidencia.
  • Limpos de covid nos últimos quince días están: Negueira de Muñiz, Baleira, Pedrafita, Baralla, Ribeira de Piquín, Cervantes, A Fonsagrada e Navia de Suarna.

Comarca de Sarria

  • No gromo de Sarria volven baixar os casos. Son 66 (2 menos).
  • Láncara e Triacastela seguen rebaixando a incidencia.
  • Paradela volve ter casos pero con baixa incidencia.
  • Samos, O Páramo e O Incio seguen limpos de covid dende fai máis de dúas semanas.

Ribeira Sacra

  • Monforte sobe a 13 casos (1 máis) e mantén a incidencia baixa.
  • Carballedo ten a incidencia alta pero segue por debaixo de dez casos.
  • Quiroga, Pantón, O Saviñao e Chantada teñen casos pero con baixa incidencia.
  • Taboada e Sober levan sen contaxios novos unha semana.
  • Sen casos en máis de quince días: Ribas de Sil, Bóveda, A Pobra de Brollón e Folgoso do Courel.

MÁSCARAS

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, entregou ao tenente de alcaldesa de Lugo, Miguel Fernández, e ao deputado provincial de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, outras 50.000 máscaras que distribúe o Goberno aos concellos da provincia con destino a colectivos vulnerables.

Isabel Rodríguez lembrou que “con esta xa levamos oito campañas, dúas delas este ano, de distribución de máscaras cirúrxicas na provincia desde o comezo da pandemia nas que levamos repartidas ata hoxe 576.500 unidades tanto a concellos como a entidades sociais”.

A subdelegada entregou un lote de 15.000 máscaras ao tenente de alcaldesa de Lugo e as restantes 35.000 recolleunas o deputado provincial de Promoción Económica e Social, xa que a Deputación faise cargo, de novo, do operativo de distribución entre os concellos da provincia que teñen poboación inferior a 20.000 habitantes, tal e como acordaron o Goberno e a Federación Española de Municipios de Provincias.