Skip to main content
Uncategorized @gl

A covid aumenta o ritmo de contaxios

Por 22 Xullo, 2021Sin comentarios

A covid aumenta o ritmo de crecemento con 123 casos activos máis en 24 horas chegando a acadar xa os 1.364. Esta cifra obtense por 174 novos contaxios que sumaron neste tempo e as 51 altas.

Na xornada de onte foi de 102 o aumento de casos activos, con 128 novos positivos e 24 altas.

Ademais, dende que comezou a pandemia, no mes de marzo do pasado ano, hai 14.784 casos rexistrados e 217 persoas falecidas.

A presión hospitalaria mantense en 15 persoas ingresadas pero un dos enfermos entrou na UCI. No Hula hai 8 en planta (3 menos) e 1 na UCI; 5 na Mariña (2 máis) e 1 en Monforte.

POR COMARCAS

A Mariña continúa descontrolada, ao igual que Lugo e a nivel xeral os casos seguen subindo nas vilas máis poboadas.

A Mariña

  • Viveiro dispárase a 138 casos (23 máis), Cervo suma xa 30 casos (7 máis), Burela 87 (22 máis), Foz 80 (11 máis), Ribadeo 53 (4 máis) e Mondoñedo 18 casos (2 máis), todos en valores de alerta alta ou máxima. Súmase Barreiros con 10 casos.
  • Ourol, O Valadouro e Lourenzá, con menos de dez casos, tamén teñen a incidencia moi alta.
  • Con menos de dez tamén pero coa incidencia en valores de risco están Xove, Alfoz e O Vicedo.
  • Con algún caso activo e incidencia baixa está Trabada.
  • Riotorto leva unha semana sen casos. Súmase A Pontenova.

Terra Chá

  • Vilalba chega a 40 casos (3 máis) e coa incidencia preto de valores de alerta.
  • Castro de Rei con 14 casos (3 máis), Meira con 13 e A Pastoriza tamén con 13 teñen a incidencia alta pero estase reducindo.
  • Rábade con menos de dez casos está en alerta moi alta.
  • As Pontes ten 18 casos (7 máis) e ponse en zona de risco.
  • Outeiro de Rei, Guitiriz, Friol, Pol, Begonte, Cospeito e Abadín teñen casos pero con baixa incidencia.
  • Sen positivos dende hai máis de quince días están: Muras e Xermade.

Centro da provincia

  • Os casos en Lugo seguen crecendo sen control ata 434 (38 máis), xa coa incidencia alta.
  • Monterroso con 12 casos e Palas con 11 están con incidencia elevada. Súmase Portomarín con menos de dez.
  • Guntín, O Corgo, Pedrafita, Castroverde, Becerreá, As Nogais, Cervantes, A Fonsagrada e Baralla teñen positivos pero con baixa incidencia.
  • Antas de Ulla, Baleira e Ribeira de Piquín están sen casos na última semana.
  • Limpos de covid nos últimos quince días están: Negueira de Muñiz e Navia de Suarna.

Comarca de Sarria

  • Sarria reduce a 60 casos (3 menos).
  • Paradela e O Páramo baixan de dez casos pero seguen con incidencia moi alta.
  • Láncara e Samos teñen a incidencia preto de valores de alerta.
  • O Incio e Triascastela seguen limpos de covid dende fai dúas semanas.

Ribeira Sacra

  • Monforte sobe a 52 casos (7 máis).
  • Chantada sobe de novo a 32 casos (3 máis).
  • O Saviñao e Bóveda, con menos de dez casos ambos, están en valores preto de alerta.
  • Sober, Pantón, Carballedo, Taboada e A Pobra de Brollón teñen casos pero con baixa incidencia.
  • Sen casos en máis de quince días: Ribas de Sil, Folgoso do Courel e Quiroga.

CRIBADOS EN FOZ, RIBADEO, VIVEIRO e BURELA

Debido ao aumento de casos, o Sergas programou un cribado masivo a partir do hoxe entre profesionais que exercen a súa actividade en Foz de cara ao público. 

Por outra banda, un total de 834 persoas con idades comprendidas entre os 18 e os 29 anos están sendo chamadas polo Sergas para someterse a un cribado masivo o venres, 23 de xullo, en Ribadeo.

En Viveiro, tamén haberá cribado, será o sábado, 24 de xullo, dirixido a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos e que se levará a cabo no Pavillón Municipal. O Sergas citará aos mozos remitíndolles un SMS.

En Burela, o alcalde tamén solicitou un cribado entre a poboación para a próxima semana debido ao drástico crecemento de casos.