O PP de Lugo urxe ao goberno local licitar paneis de información multimedia

LugoXa
O PP de Lugo pregunta ao Concello se pensa licitar os paneis de información multimedia despois de que o concurso quedase deserto en 2019.
7 ago 2021

A concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Sagrario Sánchez, pregunta ao goberno local "se pensa licitar o contrato para que Lugo teña de novo os paneis de información multimedia, despois de que o anterior goberno local os retirara en setembro 2018".

Sagrario Sánchez urxe ao bipartito de Lugo a contratación dos novos paneis informativos, xa que se trata dun servizo moi útil para a cidadanía e, dende a súa retirada, “tiveron tempo máis que suficiente para redactar uns novos pregos de contratación, despois de que o 24 de maio de 2019 a mesa de contratación declarase deserta a licitación deste contrato". “Hai case tres anos que se retiraron das rúas, case dous anos e medio dende que o anterior concurso quedase deserto... está claro que se non hai nada feito é porque non lles interesa”, afirmou a popular.

A concelleira popular di que o goberno local tivo tempo suficiente para licitar un novo contrato, máis atractivo e con medidas como paneis multimedia para poder dar máis información aos cidadáns, ademais da hora e da temperatura.

Sagrario Sánchez recorda que "o último prego que sacou a licitación o goberno local tiña un valor estimado de contrato de 1.965.600 euros e unha duración de 10 anos, podendo prorrogarse ata cinco anos máis e contemplaba a instalación de entre 20 e 25 paneis de información".

"A cidadanía segue a demandar que as rúas da cidade teñan estes paneis informativos, xa que é un servizo moi útil para a cidadanía, porque ademais da información meteorolóxica e da hora (que eran os únicos datos que ofrecían antes), pode completarse con información sobre os aparcadoiros soterrados, información de interese xeral para a cidadanía ou avisos sobre a alerta sanitaria" sinala a popular.

Así mesmo engade que se poden incluír avisos sobre rúas cortadas ou nas que se estean a producir arranxos na vía, avisos urxentes para os cidadáns ou os horarios dos museos para os turistas.