Limpan paramentos e adarve da Muralla

LugoXa
A Xunta de Galicia está a executar traballos de limpeza no adarve e nos lenzos da Muralla de Lugo, retirando a vexetación con medios manuais.
limpeza muralla lugo
limpeza muralla lugo
29 sep 2021

Estanse a executar traballos de limpeza no adarve e nos lenzos da Muralla de Lugo, retirando a vexetación con medios manuais. Esta actuación forma parte do contrato de mantemento da Muralla para o bienio 2021-22, no que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade inviste máis de 615.000 euros.

A limpeza deu comezo na primeira semana de setembro, unha vez que os cirrios abandonaron o monumento no que nidifican e crían cada ano durante os meses de primavera e verán. A afectación sobre os paramentos durante ese período, aínda que sexa con métodos non agresivos como os utilizados neste caso, pode afectar á colonia de paxaros, que forman parte da diversidade e a riqueza ambiental de Lugo e da Muralla.

Neste momento, está xa libre de vexetación case a metade do perímetro interior e preto dun terzo do exterior. Tamén se limpa o adarve, polo que se estima que os traballos continuarán aínda entre dúas e tres semanas máis.

O contrato de mantemento inclúe outras tarefas cotiás no monumento, como reparacións de solados, varandas, revocaduras, albardillas ou da instalación eléctrica e a iluminación, entre outros elementos.

limpeza muralla lugo_portada