A Xunta abre expediente á CHMS polo baleirado dos encoros e esta afirma que fixo a comunicación pertinente

RibeiraSacraXa | LugoXa
A Xunta abriu expediente sancionador contra a CHMS "pola súa responsabilidade no baleirado dalgúns dos encoros e esta din que minten.
embarcadoiro deputacion encoro peares
embarcadoiro deputacion encoro peares
5 sep 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda abriu expediente sancionador contra a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) "pola súa responsabilidade no baleirado dalgúns dos encoros hidroeléctricos máis importantes desta conca". Como contestación, o organismo rexeita responsabilidades e acusa o Goberno galego de "mentir", ademais de remitirse a comunicacións realizadas á administración galega.

A Consellería de Medio Ambiente, como organismo competente en materia de protección da riqueza piscícola en Galicia, adopta esta decisión ante a constatación de que a CHMS —máxima autoridade respecto ás actuacións hidráulicas que se executan na conca do Miño-Sil— "obviou a súa responsabilidade ao non trasladar á Consellería a petición da autorización necesaria para protexer á poboación ictícola ante un posible baleirado".

Afirman que o organismo titular dos embalses e das concesións hidroeléctricas nesta conca non notificou formalmente en ningún momento á Xunta, "a pesar de estar legalmente obrigada a facelo, a intención das empresas de proceder ao baleirado dalgúns dos encoros que xestionan".

"Estas comunicacións do descenso superior ao 80% de volume en Cenza e As Portas producíronse o 10 de xuño e o 12 de xullo, respectivamente, cumprindo a normativa autonómica de pesca fluvial", sosteñen desde a CHMS.

"Estamos sorprendidos e indignados de que unha administración, que se presupón seria, amenta e manipule acerca da comunicación do baleirado, por baixo do 20%, dos encoros de As Portas e Cenza". "Esta comunicación, da que varias conselleiras e o propio presidente din que non ter constancia, curiosamente, recibírona por partida dobre, máis concretamente, na Consellería de Medio Ambiente a través do seu servizo provincial en Ourense e da Consellería de Presidencia a través do 112 de Galicia", explica o seu presidente, José Antonio Quiroga.