Skip to main content
Vilalba

O FIV volverá encher de música Vilalba este venres

Por 14 Setembro, 2021Xuño 21st, 2022Sin comentarios

O FIV de Vilalba está de volta. Celebrará este 2021 a súa 14ª edición, os próximos días 17, 18 e 19. Unha oferta musical que naceu anos atrás ao amparo das Festas Patronais de Vilalba e que, tras máis dunha década de historia, foi adaptándose aos tempos ata converterse nun referente do calendario festivaleiro nacional. Foi a partir da cuarta edición cando o festival adquiriu entidade propia, celebrándose ininterrumpidamente nos meses primaverais ano tras ano; ata a chegada da covid-19. Agora, tralo parón provocado polas circunstancias sanitarias, o FIV de Vilalba está, por fin, de volta; e faino adaptándose aos tempos.

Trátase dun evento único, no que a música se mestura con outras disciplinas atractivas que completan a experiencia. Un acontecemento clave para Vilalba, que pode desenvolverse grazas á aposta do concello por manter esta cita nun ano complexo, e que supón para a localidade unha inxección importante na revitalización económica, tan necesaria trala crise dos últimos meses. Emprego, promoción da localidade, e atracción do turismo. Repercusión para a vila de Vilalba non só a nivel comunitario, senón tamén a nivel nacional.

Serán tres días consecutivos de música e actividades, nos que os diferentes artistas actuarán simultaneamente nos escenarios situados na Praza da Constitución e no Campo da Feira. Enclaves que acollerán este novo FIV; espazos amplos que permiten a adaptación aos tempos e aos protocolos vixentes.

O programa desenvolverase en tres xornadas que darán comezo o venres, ás 18.00 horas coa actuación de Melenas, seguida de Danie e Momboi. O lugar escollido será a praza da Constitución e a finalización dos concertos está prevista para as 22.30 horas.

O sábado, pero no escenario da explanada do pavillón dos deportes estará sucesivamente Xoel López, Novedades Carminha, Zahara, La Bien Querida, Ortiga, Magical Colors, Begun DJ Set, e Rapariga DJ, nunha xornada que se prolongará dende as 12.00 ata as 1.30 horas da madrugada.

Finalizará a programación o domingo 19 na praza da Constitución con dúas actuacións. Ás 13.00 horas Petit Pop e ás 17.00 clausurará a Banda de Música de Vilalba.

Pois a edición deste 2021 será, ante todo, segura. O cambio de escenarios respecto a edicións anteriores, así como a modificación das datas, garanten a celebración do festival. Fan que o seu desenvolvemento sexa posible de acordo coas medidas sanitarias, e aseguran a súa viabilidade cara a edicións futuras.

O festival é tamén un dinamizador cultural do territorio. Polos seus diferentes escenarios pasaron recoñecidos artistas de primeira liña do panorama actual, e nesta edición manterase o aceno de identidade de perfil de bandas nacionais de corte indie / pop / rock, con algúns artistas xa habituais do festival.

Este festival marcou, de sempre, a apertura do calendario festivaleiro. Conta ademais cun público fiel en cada unha das súas edicións, e vese como unha proposta cultural accesible para un público de case calquera idade. Esta edición conxuga a esencia do propio FIV marcada por artistas habituais e concertos xa consolidados como o da Banda Municipal de Música de Vilalba, con outras novidades. Deste concepto nace FIV KIDS, un espazo para os pequenos e as pequenas da casa, no que gozarán de ofertas adaptadas aos seus intereses.

FINANCIAMENTO DA DEPUTACIÓN

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro Fernández, asinaron este martes no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración a través do cal a institución provincial apoia con 20.000€ a celebración do Festival Internacional de Vilalba (FIV). O mandatario provincial destacou que “con esta contía económica, a Deputación axuda a manter este festival, que ademais dunha proposta de lecer que dinamiza socialmente a nosa provincia, ten un retorno importante para sectores como a hostalería e o comercio”.

HORARIO

Venres, 17 de setembro. Escenario na Praza da Constitución

  • 18.00 horas. Momboi
  • 19.30 horas. Magical Colors
  • 21.00 horas. Dani
  • 22.30 horas. Melenas

Sábado, 18 de setembro. Auditorio Municipal

  • 12.00 Proxección do documental Paco Loco: Viva el Noise

Explanada do Pavillón Municipal de Deportes

  • 17.00 horas. Xoel López
  • 19.00 horas. Ortiga
  • 20.30 horas. La Bien Querida
  • 22.15 horas. Novedades Carminha
  • 00.00 horas. Zahara

Domingo, 19 de setembro. Escenario da Praza da Constitución

  • 13.00 horas. Petit Pop
  • 17.00 horas. Banda de Música de Vilalba