Un sistema de análise sensorial permite determinar a vida útil do pescado desconxelado

AMariñaXa
Un sistema de análise sensorial baseado no método QIM permite determinar a vida útil do pescado desconxelado
vida util pescado desconxelado
vida util pescado desconxelado
31 oct 2021

Mar López García desenvolve na súa tese de doutoramento, dirixida por Ángeles Romero, Lourdes Vázquez e Luis Ramil, esquemas sensoriais para avaliar o estado de especies de pescado conxelado de interese comercial. A investigación presentada na Facultade de Ciencias da USC relaciona hábitos de consumo e perfís socioeconómicos

Un sistema de análise sensorial baseado nos esquemas do Método de Índice de Calidade (QIM) permite estimar a vida útil do pescado desconxelado, ao tempo que tamén achega elementos para examinar se o tempo de conxelación previo afecta á calidade sensorial do peixe unha vez almacenado a temperaturas de refrixeración, segundo recolle a investigación de doutoramento ‘Pescado conxelado: desenvolvemento e aplicación do Método do Índice de Calidade (QIM) a diferentes especies e estudo de hábitos de compra e consumo’ que vén de presentar María del Mar López García na Facultade de Ciencias do Campus de Lugo da USC.

O sistema de avaliación sensorial desenvolvido por esta enxeñeira agrónoma na súa tese, dirixida polos profesores da USC Ángeles Romero, Lourdes Vázquez Oderiz e Luis Ramil Novo, céntrase nas especies de peixe de maior interese comercial capturadas polos buques conxeladores de Galicia e sobre as que a López García desenvolveu e validou cun panel de catadores adestrados fichas e esquemas sensoriais baseados no método QIM. 

As novas ferramentas achegadas por estas investigadora permiten estimar a vida útil de do pescado unha vez desconxelado, ao tempo que serven para advertir o deterioro das característica organolépticas do peixe conforme permanece máis tempo almacenado a temperaturas de refrixeración. Aínda así, esta evolución varía en función da especies de que se trate e da súa forma de presentación.

O estudo dos hábitos de compra e consumo de produtos pesqueiros frescos, conxelados e desconxelados entre a poboación e a relación destes comportamentos con factores socioeconómicos e demográficos centra outra das liñas de investigación recollidas por López García na súa tese de doutoramento, na que precisa que a metade das persoas que mercan e consumen produtos pesqueiros descoñecen de antemán esta situación.